Skip to main content

Discurso do reitor

Discurso de benvida aos novos doutores Honoris Causa, Mikhail Alexandrovich Braun, Tomás Salvador Vives Antón y Carlos Ulises Moulines, pronunciado polo Excmo. Sr. Reitor Magnífico da Universidade de Santiago de Compostela, o profesor Dr. Juan Viaño Rey

Momento do discurso do reitor
Momento do discurso do reitor

Na celebración gozosa do acto de investidura como doutores honoris causa pola Universidade de Santiago de Compostela dos profesores Moulines,  Vives Antón e Braun, a Universidade amosa a súa auténtica identidade: o coñecemento como saber ou sabedoría.

Coñecemento é a Filosofía en canto “conxunto de saberes que busca establecer, dun xeito racional, os principios xerais que organizan e orientan a realidade, así como o sentido da obra humana”.

Coñecemento tamén é o Dereito como “conxunto de principios e normas, expresivos dunha idea de xustiza e de orde, que regulan as relacións humanas en toda a sociedade”.

Folga dicir que a Física é, en fin, coñecemento, entendido como o que “estuda as propiedades da materia, da enerxía, e das relacións entre ambas as dúas”.

O coñecemento é un, é  un todo, aínda que a limitada capacidade do ser humano obrígalle a adquirilo, desenvolvelo e aplicalo por partes. Por iso, a Filosofía, o Dereito e a Física son nobres, porque son coñecemento, porque dende eles, como dixo Aristóteles, afróntase os fenómenos obxecto do seu respectivo estudo buscando a causa:

  • A causa material ou aquilo do que está feito algo
  • A causa formal ou aquilo que un obxecto é
  • A causa eficiente ou aquilo que produce ese algo
  • A causa final ou aquilo polo cal existe ese algo, ou pode existir ou chegar a ser.

Pero ese coñecemento “clásico” como saber ou sabedoría non está rifado cos novos tempos, coa era das tecnoloxías que nos toca vivir e que nos aporta outro léxico, outrora pouco empregado, e agora presente nas conversacións cotiás e na propia literatura científica. Refírome ao talento. Definido como intelixencia e aptitude, engroba en verdade o coñecemento adquirido por unha persoa e as capacidades para poder adquirilo. O talento, en expresión xurídica, implica unha acción, nunca unha omisión. E xustamente, esta é a calidade inherente e intransferible dos profesores Moulines, Vives Antón e Braun.

O profesor Carlos Ulises Moulines constitúe o máis claro expoñente da metateoría estruturalista cuxo obxectivo é acadar un mellor entendemento das estruturas conceptuais profundas da Ciencia. Preocupado pola transmisión desta corrente filosófica no ámbito dos filósofos e científicos hispano falantes, publica as Exploraciones metacientíficas o, simplemente, como reinterpretar e reanalizar as Ciencias. “Ello –di textualmente o profesor Moulines- no significa tomar una actitud dogmática y afirmar que no puede haber más camino que el nuestro. Significa solamente que, con todo y las posibles deficiencias y futuras revisiones, consideramos este programa como el mejor producto existente en el mercado”. Velaquí a humildade coa que ofrece os seus estudos a comunidade; pouco máis resta por engadir.

O profesor Tomás Salvador Vives Antón pertence a categoría dos xuristas comprometidos, do que da conta, por unha banda, a súa dilatada carreira profesional vinculada á Universidade ao tempo que á practica forense. Foi fiscal, maxistrado do Tribunal Superior de Xustiza de Valencia e maxistrado do Tribunal Constitucional e, alén de todo iso, catedrático de Dereito Penal nas Universidades de Alacante e de Valencia. E, pola outra, a súa impenitente defensa da “liberdade”. Así o acreditan estas palabras súas: “Es indispensable para todo sistema democrático la separación entre Derecho y Moral”; en caso contrario, quedarían “anuladas o indebidamente restringidas las libertades más básicas, como la de ideología (...) e ilícitamente constreñido el derecho al libre desarrollo de la personalidad”. Neste punto, fago meu o pensamento de Hobbes para quen un home que é e se sinte libre ten, “forza e talento, a súa vontade carece de trabas”, e dedícolloo a vostede.

Spasiba” profesor Mikhail Alexandrovich Braun por aceptar este honor que lle fai a nosa Universidade e pola súa contribución científica. Estudoso das interaccións fortes que conservan unidos aos quarks, e dicir, aos protóns e neutróns do átomo, en particular ás forzas que actúan en condicións de moi alta densidade e de temperaturas extremas, a súa investigación permite achegarse á esencia da materia.  Cunha vida enchida polos avatares históricos que o seu país, Rusia, e a súa cidade, San Petesburgo, sufriu, prefiro deixar en mans do científico e filósofo Isaac Newton o talento que lle presumo: “Para min nunca houbo unha fonte maior de honor terrestre que a distinción conectada cos avances na Ciencia”.

O talento, fío condutor destas verbas, ten que atraerse, reterse, potenciarse e recoñecerse. Deste modo, é posible que agrome unha idea, un concepto, unha maneira de entender e de entendernos, de sentarmos as bases da nosa convivencia.

Non cabe a discriminación do talento; do que procede do noso alumnado, como materia prima fundamental para formar pensadores, científicos e cidadáns que afronten con responsabilidade os retos do futuro; do noso profesorado, que é quen de motivar e ensinar a aprender, a razoar criticamente, a construír as ideas propias; do noso persoal investigador, invertido en horas de laboratorio, de biblioteca, de discusións e de reflexión, para elaborar as achegas que permitan o noso avance como sociedade; dos profesores Falguera López, Lorenzo Salgado e Pajares Vales, padriños insignes dos doutorandos; e dos que nos visitan, nos apoian e nos inspiran.

Nese entendemento, a Universidade de Santiago de Compostela está a deseñar o Campus da Cidadanía, comprometido coa responsabilidade social, a democracia e a transformación social na súa contorna; comprometido coa defensa da liberdade, a xustiza, a igualdade e o pluralismo, valores sobre os que o Prof. Vives Antón fundamentou a súa obra; e comprometido co coñecemento inclusivo e transdisciplinar, coma o desenvolvido polo Prof. Moulines, quen reconstruíu teorías específicas da química e da física.

Pero, ao mesmo compás, a Universidade de Santiago de Compostela está reorganizando as súas estruturas de investigación, apostando polo establecemento de centros e institutos de excelencia, sendo o caso do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías, distinguido pola Agencia Estatal de Investigación na convocatoria “María de Maetzu” e cuxos membros colaboran activamente co Prof. Braum e aprenden das súas ensinanzas.

Benvidos profesores Moulines, Vives Antón e Braum, ao noso claustro docente, grazas pola xenerosidade coa que comparten o seu coñecemento e polo talento co que o adquiriron.

Grazas a todos os asistentes a este acto académico de investidura de doutores honoris causa, e recorden as verbas do ilustrado galego, o Pai Feijoo, cando dicía:en la Universidad, a quien no persuadieren la experiencia y la razón, no ha de convencer el poder”.