Na celebración gozosa do acto de investidura como doutores honoris causa pola Universidade de Santiago de Compostela dos profesores Moulines, Vives Antón e Braun, a Universidade amosa a súa auténtica identidade: o coñecemento como saber ou sabedoría.
Coñecemento é a Filosofía en canto “conxunto de saberes que busca establecer, dun xeito racional, os principios xerais que organizan e orientan a realidade, así como o sentido da obra humana”.
Coñecemento tamén é o Dereito como “conxunto de principios e normas, expresivos dunha idea de xustiza e de orde, que regulan as relacións humanas en toda a sociedade”.
Folga dicir que a Física é, en fin, coñecemento, entendido como o que “estuda as propiedades da materia, da enerxía, e das relacións entre ambas as dúas”.
O coñecemento é un, é un todo, aínda que a limitada capacidade do ser humano obrígalle a adquirilo, desenvolvelo e aplicalo por partes. Por iso, a Filosofía, o Dereito e a Física son nobres, porque son coñecemento, porque dende eles, como dixo Aristóteles, afróntase os fenómenos obxecto do seu respectivo estudo buscando a causa:
- A causa material ou aquilo do que está feito algo
- A causa formal ou aquilo que un obxecto é
- A causa eficiente ou aquilo que produce ese algo
- A causa final ou aquilo polo cal existe ese algo, ou pode existir ou chegar a ser.
Pero ese coñecemento “clásico” como saber ou sabedoría non está rifado cos novos tempos, coa era das tecnoloxías que nos toca vivir e que nos aporta outro léxico, outrora pouco empregado, e agora presente nas conversacións cotiás e na propia literatura científica. Refírome ao talento. Definido como intelixencia e aptitude, engroba en verdade o coñecemento adquirido por unha persoa e as capacidades para poder adquirilo. O talento, en expresión xurídica, implica unha acción, nunca unha omisión. E xustamente, esta é a calidade inherente e intransferible dos profesores Moulines, Vives Antón e Braun.
O profesor Carlos Ulises Moulines constitúe o máis claro expoñente da metateoría estruturalista cuxo obxectivo é acadar un mellor entendemento das estruturas conceptuais profundas da Ciencia. Preocupado pola transmisión desta corrente filosófica no ámbito dos filósofos e científicos hispano falantes, publica as Exploraciones metacientíficas o, simplemente, como reinterpretar e reanalizar as Ciencias. “Ello –di textualmente o profesor Moulines- no significa tomar una actitud dogmática y afirmar que no puede haber más camino que el nuestro. Significa solamente que, con todo y las posibles deficiencias y futuras revisiones, consideramos este programa como el mejor producto existente en el mercado”. Velaquí a humildade coa que ofrece os seus estudos a comunidade; pouco máis resta por engadir.
O profesor Tomás Salvador Vives Antón pertence a categoría dos xuristas comprometidos, do que da conta, por unha banda, a súa dilatada carreira profesional vinculada á Universidade ao tempo que á practica forense. Foi fiscal, maxistrado do Tribunal Superior de Xustiza de Valencia e maxistrado do Tribunal Constitucional e, alén de todo iso, catedrático de Dereito Penal nas Universidades de Alacante e de Valencia. E, pola outra, a súa impenitente defensa da “liberdade”. Así o acreditan estas palabras súas: “Es indispensable para todo sistema democrático la separación entre Derecho y Moral”; en caso contrario, quedarían “anuladas o indebidamente restringidas las libertades más básicas, como la de ideología (...) e ilícitamente constreñido el derecho al libre desarrollo de la personalidad”. Neste punto, fago meu o pensamento de Hobbes para quen un home que é e se sinte libre ten, “forza e talento, a súa vontade carece de trabas”, e dedícolloo a vostede.
“Spasiba” profesor Mikhail Alexandrovich Braun por aceptar este honor que lle fai a nosa Universidade e pola súa contribución científica. Estudoso das interaccións fortes que conservan unidos aos quarks, e dicir, aos protóns e neutróns do átomo, en particular ás forzas que actúan en condicións de moi alta densidade e de temperaturas extremas, a súa investigación permite achegarse á esencia da materia. Cunha vida enchida polos avatares históricos que o seu país, Rusia, e a súa cidade, San Petesburgo, sufriu, prefiro deixar en mans do científico e filósofo Isaac Newton o talento que lle presumo: “Para min nunca houbo unha fonte maior de honor terrestre que a distinción conectada cos avances na Ciencia”.
O talento, fío condutor destas verbas, ten que atraerse, reterse, potenciarse e recoñecerse. Deste modo, é posible que agrome unha idea, un concepto, unha maneira de entender e de entendernos, de sentarmos as bases da nosa convivencia.
Non cabe a discriminación do talento; do que procede do noso alumnado, como materia prima fundamental para formar pensadores, científicos e cidadáns que afronten con responsabilidade os retos do futuro; do noso profesorado, que é quen de motivar e ensinar a aprender, a razoar criticamente, a construír as ideas propias; do noso persoal investigador, invertido en horas de laboratorio, de biblioteca, de discusións e de reflexión, para elaborar as achegas que permitan o noso avance como sociedade; dos profesores Falguera López, Lorenzo Salgado e Pajares Vales, padriños insignes dos doutorandos; e dos que nos visitan, nos apoian e nos inspiran.
Nese entendemento, a Universidade de Santiago de Compostela está a deseñar o Campus da Cidadanía, comprometido coa responsabilidade social, a democracia e a transformación social na súa contorna; comprometido coa defensa da liberdade, a xustiza, a igualdade e o pluralismo, valores sobre os que o Prof. Vives Antón fundamentou a súa obra; e comprometido co coñecemento inclusivo e transdisciplinar, coma o desenvolvido polo Prof. Moulines, quen reconstruíu teorías específicas da química e da física.
Pero, ao mesmo compás, a Universidade de Santiago de Compostela está reorganizando as súas estruturas de investigación, apostando polo establecemento de centros e institutos de excelencia, sendo o caso do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías, distinguido pola Agencia Estatal de Investigación na convocatoria “María de Maetzu” e cuxos membros colaboran activamente co Prof. Braum e aprenden das súas ensinanzas.
Benvidos profesores Moulines, Vives Antón e Braum, ao noso claustro docente, grazas pola xenerosidade coa que comparten o seu coñecemento e polo talento co que o adquiriron.
Grazas a todos os asistentes a este acto académico de investidura de doutores honoris causa, e recorden as verbas do ilustrado galego, o Pai Feijoo, cando dicía: “en la Universidad, a quien no persuadieren la experiencia y la razón, no ha de convencer el poder”.