Skip to main content

‘Enredadas no cambio’ contrasta en ADE o impacto económico e social das iniciativas emprendedoras

Lurdes Herrera Toco, á esquerda, na exposición 'Enredadas no cambio' aberta na Facultade de ADE
Lurdes Herrera Toco, á esquerda, na exposición 'Enredadas no cambio' aberta na Facultade de ADE
As mulleres emprendedoras Lurdes Herrera Toco, de Bolivia, e Sofía Vázquez Manzano, da Coruña, dan conta no centro universitario lugués dos seus respectivos proxectos da man da iniciativa da ONG Taller de Solidariedade ‘Enredadas no cambio’
Lugo

A iniciativa promovida pola ONG Taller de Solidariedade en colaboración coa Xunta de Galicia ‘Enredadas no cambio’ contrastou este luns na Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo o impacto social e económico do emprendemento, a través dos testemuños da boliviana Lurdes Herrera Toco, así como da cooperativista de A Coruña Sofía Vázquez Manzano, que deron conta das súas experiencias diante do alumnado de Administración e Dirección de Empresas.

Os relatos destas dúas mulleres emprendedoras, cuxas vidas e mudaron logo da súa implicación nas accións de emprendemento apadriañadas pola ONG Taller de Solidariedade, serviron para dar conta e poñer en valor a relevancia no ámbito laboral e tamén a pegada solidaria que tantas veces leva consigo o emprendemento.

O público presente na sesión expositiva moderada polo decano da Facultade de Administración e Dirección de Empresas da USC, Roberto Bande, tivo logo a oportunidade de visualizar algún dos efectos positivos que está a ter esta campaña, a través da mostra fotográfica ‘Enredadas no cambio’, unha exposición estruturada en 48 paneis que chega á sede universitaria luguesa da man do Servizo de Participación e Inclusión Universitaria da USC e que amosa a vida de seis mulleres emprendedoras referentes en Perú, Colombia, Nicaragua, Bolivia e España.

As imaxes expostas dan conta dos obstáculos e dos retos que tiveron que sortear na súa aventura emprendedora, ao tempo que tamén reflicten os efectos de cambio e transformación que provocaron nas súas respectivas comunidades.

Roberto Bande, no centro, modera o coloquio sobre as accións desenvolvidas da man da ONG Taller de Solidariedade
Roberto Bande, no centro, modera o coloquio sobre as accións desenvolvidas da man da ONG Taller de Solidariedade
Participantes na sesion
Participantes na sesion
The contents of this page were updated on 10.30.2023.