‘Enredadas no cambio’ contrasta en ADE o impacto económico e social das iniciativas emprendedoras
A iniciativa promovida pola ONG Taller de Solidariedade en colaboración coa Xunta de Galicia ‘Enredadas no cambio’ contrastou este luns na Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo o impacto social e económico do emprendemento, a través dos testemuños da boliviana Lurdes Herrera Toco, así como da cooperativista de A Coruña Sofía Vázquez Manzano, que deron conta das súas experiencias diante do alumnado de Administración e Dirección de Empresas.
Os relatos destas dúas mulleres emprendedoras, cuxas vidas e mudaron logo da súa implicación nas accións de emprendemento apadriañadas pola ONG Taller de Solidariedade, serviron para dar conta e poñer en valor a relevancia no ámbito laboral e tamén a pegada solidaria que tantas veces leva consigo o emprendemento.
O público presente na sesión expositiva moderada polo decano da Facultade de Administración e Dirección de Empresas da USC, Roberto Bande, tivo logo a oportunidade de visualizar algún dos efectos positivos que está a ter esta campaña, a través da mostra fotográfica ‘Enredadas no cambio’, unha exposición estruturada en 48 paneis que chega á sede universitaria luguesa da man do Servizo de Participación e Inclusión Universitaria da USC e que amosa a vida de seis mulleres emprendedoras referentes en Perú, Colombia, Nicaragua, Bolivia e España.
As imaxes expostas dan conta dos obstáculos e dos retos que tiveron que sortear na súa aventura emprendedora, ao tempo que tamén reflicten os efectos de cambio e transformación que provocaron nas súas respectivas comunidades.