161. # e &: dous símbolos na busca de nome
En galego, non andamos especialmente espilidos á hora de fixar os nomes dalgúns dos símbolos tipográficos máis empregados actualmente. O Dicionario da Real Academia Galega, por exemplo, ofrece como único significado de arroba o de 'medida de peso que equivale, segundo as zonas, a unha cantidade que vai desde os once aos quince quilos' (non se usará hoxe esa palabra sobre todo para nomear o símbolo '@'?). Nestas circunstancias, non pode sorprendernos que tampouco teñamos claro como chamarlle ao # ou ao &.
O primeiro deles (#) ten usos diversos segundo os ámbitos de especialidade e o país, pero no noso contorno é coñecido especialmente por figurar nos teclados dos ordenadores e dos teléfonos, e por ser a marca que identifica as etiquetas en Twitter e redes semellantes.
En castelán coñécese como almohadilla; en portugués como cerquilha; cardinal ou tralha; en inglés, como number sign; hash mark; pound sign ou grid; e en francés como croisillon ou carré.
En galego, non se chegou a consolidar unha denominación, de modo que andaron convivindo simultaneamente varias como cadrado, díese, cancelo ou grade. De todas elas, as dúas primeiras non parecen aconsellables pois:
- cadrado non describe ben a forma dese símbolo e pode ser ambiguo en contextos en que este apareza canda a figura xeométrica á que se lle 'roubou' o nome.
- díese é en realidade o nome doutro símbolo diferente (♯), coñecido como sharp sign en inglés. O Dicionario da Real Academia Galega parece que se deixou arrastrar por esta confusión e representa o símbolo equivocado na entrada díese.
Por todo o anterior, pensamos que cancelo (que é a forma que neste momento recomenda o Servizo de Consultas de Termigal) ou grade (empregada maioritariamente nos proxectos de localización de software libre ao galego integrados en Trasno) son as denominacións máis acaídas. |
Se nos fixamos agora no segundo (&) descubrimos que é unha ligadura empregada desde a época latina co fin de representar cun único signo os dous caracteres da conxunción et, e que se emprega na actualidade na área da informática (programación, marcaxe de textos...) e como substituto da conxunción e en nomes comerciais e referencias bibliográficas.
Á hora de nomealo, a forma empregada en inglés (ampersand) espallouse intensamente nas outras linguas europeas; pero nestas convive con outras denominacións que se basean na orixe do símbolo ou nos seus usos principais. Así, atopamos e comercial en portugués, et ou y comercial en castelán, esperluette ou et commercial en francés, e et ou i comercial en catalán.
En coherencia cos exemplos anteriores, en galego debemos evitar a importación do anglicismo, e potenciar o emprego de et (outra vez recomendado dentro do Proxecto Trasno) ou o de e comercial. |