Pasar al contenido principal

161. # e &: dous símbolos na busca de nome

Un idioma preciso

En galego, non andamos especialmente espilidos á hora de fixar os nomes dalgúns dos símbolos tipográficos máis empregados actualmente. O Dicionario da Real Academia Galega, por exemplo, ofrece como único significado de arroba o de 'medida de peso que equivale, segundo as zonas, a unha cantidade que vai desde os once aos quince quilos' (non se usará hoxe esa palabra sobre todo para nomear o símbolo '@'?). Nestas circunstancias, non pode sorprendernos que tampouco teñamos claro como chamarlle ao # ou ao &.
 

O primeiro deles (#) ten usos diversos segundo os ámbitos de especialidade e o país, pero no noso contorno é coñecido especialmente por figurar nos teclados dos ordenadores e dos teléfonos, e por ser a marca que identifica as etiquetas en Twitter e redes semellantes.
 

En castelán coñécese como almohadilla; en portugués como cerquilhacardinal ou tralha; en inglés, como number signhash markpound sign ou grid; e en francés como croisillon ou carré.
 

En galego, non se chegou a consolidar unha denominación, de modo que andaron convivindo simultaneamente varias como cadradodíesecancelo ou grade. De todas elas, as dúas primeiras non parecen aconsellables pois:
 

  • cadrado non describe ben a forma dese símbolo e pode ser ambiguo en contextos en que este apareza canda a figura xeométrica á que se lle 'roubou' o nome.
     
  • díese é en realidade o nome doutro símbolo diferente (♯), coñecido como sharp sign en inglés. O Dicionario da Real Academia Galega parece que se deixou arrastrar por esta confusión e representa o símbolo equivocado na entrada díese.
     
Por todo o anterior, pensamos que cancelo (que é a forma que neste momento recomenda o Servizo de Consultas de Termigal) ou grade (empregada maioritariamente nos proxectos de localización de software libre ao galego integrados en Trasno) son as denominacións máis acaídas.

 

Se nos fixamos agora no segundo (&) descubrimos que é unha ligadura empregada desde a época latina co fin de representar cun único signo os dous caracteres da conxunción et, e que se emprega na actualidade na área da informática (programación, marcaxe de textos...) e como substituto da conxunción e en nomes comerciais e referencias bibliográficas.
 

Á hora de nomealo, a forma empregada en inglés (ampersand) espallouse intensamente nas outras linguas europeas; pero nestas convive con outras denominacións que se basean na orixe do símbolo ou nos seus usos principais. Así, atopamos e comercial en portugués, et ou y comercial en castelán, esperluette ou et commercial en francés, e et ou i comercial en catalán.
 

En coherencia cos exemplos anteriores, en galego debemos evitar a importación do anglicismo, e potenciar o emprego de et (outra vez recomendado dentro do Proxecto Trasno) ou o de e comercial.
Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.09.2024.