109. Cabalos de patas miúdas
Nestes últimos días estivemos a darlle os últimos toques a un léxico especializado do ámbito da veterinaria, que debería ver a luz en poucos meses.
E un dos conceptos que nos mantiveron ocupados ata a última hora foi a ‘rexión dasextremidades dos cuadrúpedes que se atopa entre a canela e a cuartela’, coñecida en portugués como boleto, en castelán como menudillo e en inglés como fetlock joint. Cal sería o nome en galego?
O primeiro que atopamos ao buscar resposta nos dicionarios foi unha equivalencia entre menudillos en castelán e miúdos en galego. Pero esta vinculábase a un concepto distinto: as ‘vísceras de determinados animais, especialmente o fígado, o corazón e as moellas das aves, que se aproveitan para comer’. E sería un erro grave intentar estendela cara un concepto totalmente diferente, como o que temos entre mans, pola única razón de que en castelán a mesma designación sirva para ambos.
Chegados a este punto xa sabiamos cómo non debiamos chamarlle a esa realidade (nin miúdo nin –menos aínda– *miudiño), pero aínda nos faltaba determinar cál podía ser o nome máis adecuado para ela.
A nosa busca nos principais dicionarios bilingües resultou infrutuosa, pero parecíanos estraño que nun ámbito con tanto léxico patrimonial como o que ten que ver coa descrición exterior dos animais domésticos (especialmente do vacún e do cabalar) non estivese documentado un nome galego para referirse a esa parte do corpo. E tiñamos razón.
A consulta entre os especialistas en veterinaria e descrición animal permitiunos saber –grazas, Pedro– que nalgúns puntos de Galicia esa rexión recibe o nome de pexadoiro ou soltadoiro,[1] xa que é aí onde se lle engancha[2] a pexa ou solta cando se quere limitar os seus movementos.
Se existe unha forma viva de designar tal rexión morfolóxica en galego, é evidente que non é necesario importar ningunha palabra doutra lingua nin propor unha denominación ex novo. Pexadoiro ou soltadoiro son formas perfectamente acaídas para o concepto que nos ocupa, e así ha figurar no léxico de que vos falabamos ao comezo desta precisión. |
----------------------------------
[1] Tamén se documenta en Frampas: contribución al diccionario gallego, de Eligio Rivas, onde se define pexadoiro como ‘Depresión en la pata del animal, donde se sujeta la maniota o pexa’.
[2] Oxalá puidésemos dicir “enganchaba”, pero por desgraza as denuncias por este tipo de maltrato aos animais amósannos claramente que non se trata dunha práctica do pasado.