Pasar al contenido principal

109. Cabalos de patas miúdas

Un idioma preciso

Nestes últimos días estivemos a darlle os últimos toques a un léxico especializado do ámbito da veterinaria, que debería ver a luz en poucos meses.

 

E un dos conceptos que nos mantiveron ocupados ata a última hora foi a ‘rexión dasextremidades dos cuadrúpedes que se atopa entre a canela e a cuartela’, coñecida en portugués como boleto, en castelán como menudillo e en inglés como fetlock joint. Cal sería o nome en galego?

 

O primeiro que atopamos ao buscar resposta nos dicionarios foi unha equivalencia entre menudillos en castelán e miúdos en galego. Pero esta vinculábase a un concepto distinto: as ‘vísceras de determinados animais, especialmente o fígado, o corazón e as moellas das aves, que se aproveitan para comer’. E sería un erro grave intentar estendela cara un concepto totalmente diferente, como o que temos entre mans, pola única razón de que en castelán a mesma designación sirva para ambos.

 

Chegados a este punto xa sabiamos cómo non debiamos chamarlle a esa realidade (nin miúdo nin –menos aínda– *miudiño), pero aínda nos faltaba determinar cál podía ser o nome máis adecuado para ela.

 

A nosa busca nos principais dicionarios bilingües resultou infrutuosa, pero parecíanos estraño que nun ámbito con tanto léxico patrimonial como o que ten que ver coa descrición exterior dos animais domésticos (especialmente do vacún e do cabalar) non estivese documentado un nome galego para referirse a esa parte do corpo. E tiñamos razón.

 

A consulta entre os especialistas en veterinaria e descrición animal permitiunos saber –grazas, Pedro– que nalgúns puntos de Galicia esa rexión recibe o nome de pexadoiro ou soltadoiro,[1] xa que é aí onde se lle engancha[2] a pexa ou solta cando se quere limitar os seus movementos.

 

Se existe unha forma viva de designar tal rexión morfolóxica en galego, é evidente que non é necesario importar ningunha palabra doutra lingua nin propor unha denominación ex novo. Pexadoiro ou soltadoiro son formas perfectamente acaídas para o concepto que nos ocupa, e así ha figurar no léxico de que vos falabamos ao comezo desta precisión.

 

----------------------------------

 

[1] Tamén se documenta en Frampas: contribución al diccionario gallego, de Eligio Rivas, onde se define pexadoiro como ‘Depresión en la pata del animal, donde se sujeta la maniota o pexa’.

 

[2] Oxalá puidésemos dicir “enganchaba”, pero por desgraza as denuncias por este tipo de maltrato aos animais amósannos claramente que non se trata dunha práctica do pasado.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 16.11.2023.