80. Medra a táboa periódica
Pois por fin se confirmou: o elemento químico 118 existe. Despois de varios anos de investigacións e dun importante escándalo entre a comunidade científica, parece que xa se pode dar como definitiva a permanencia do ununoctio na táboa periódica.
Aproveitando esta nova, queremos fixarnos hoxe nos nomes galegos correspondentes aos elementos químicos bautizados seguindo a nomenclatura sistemática empregada pola IUPAC. Esta compón as denominacións provisionais dos elementos tomando como base os nomes latinos das cifras que forman o número atómico do elemento.
Por iso, os nomes oficiais dos elementos que van do 112 ao 118 son, actualmente:
- 114: ununcuadio (EN: ununquadium. ES: ununquadio. PT: ununquádio)
- 115: ununpentio (EN: ununpentium. ES: ununpentio. PT: ununpentio)
- 116: ununhexio (EN: ununhexium. ES: ununhexio. PT: ununhéxio)
- 117 ununseptio (EN: ununseptium. ES: ununseptio. PT: ununséptio)
- 118 ununoctio (EN: ununoctium. ES: ununoctio. PT: ununóctio)
Dicimos “actualmente” porque o bautismo dos novos elementos químicos segue un método estipulado que intenta evitar disputas como as acontecidas na segunda metade do século pasado. Este consiste en que o grupo ou grupos de investigación que se consideran pais do descubrimento dese novo elemento suxírenlle posibles nomes á IUPAC, pero é o Consello desta institución quen toma a decisión final despois de estudar as propostas e o papel que cada grupo xogou nese descubrimento.
No momento en que se aproba un novo nome, a denominación sistemática provisional debe deixar de empregarse. Por este motivo, os dicionarios de química poden quedar rapidamente anticuados, tal e como lle ocorreu ao Vocabulario de química, que o Servizo de Normalización Lingüística da USC editou en 2002.
Alí citábanse aínda elementos como o ununnilio (110) ou o unununio (111). Actualmente, as formas que deben empregarse son, respectivamente, darmstadtio (EN: darmstadtium. ES: darmstadtio. PT: darmstádtio) –aprobado en 2003– e roentgenio[1] (EN: roentgenium. ES: roentgenio. PT: roentgênio ou roentgénio) –aprobado en 2004–.
Xa que logo, supoño que non pasará moito tempo antes de que a listaxe que presentamos uns parágrafos máis arriba comece a quedar anticuada a medida que se vaian bautizando eses novos elementos. Procuraremos tervos informados.
----------------------------------
[1] Os símbolos que identifican estes dous elementos son, respectivamente, Ds e Rg.