Ir o contido principal

80. Medra a táboa periódica

Un idioma preciso

Pois por fin se confirmou: o elemento químico 118 existe. Despois de varios anos de investigacións e dun importante escándalo entre a comunidade científica, parece que xa se pode dar como definitiva a permanencia do ununoctio na táboa periódica.

Aproveitando esta nova, queremos fixarnos hoxe nos nomes galegos correspondentes aos elementos químicos bautizados seguindo a nomenclatura sistemática empregada pola IUPAC. Esta compón as denominacións provisionais dos elementos tomando como base os nomes latinos das cifras que forman o número atómico do elemento.

Por iso, os nomes oficiais dos elementos que van do 112 ao 118 son, actualmente:

Dicimos “actualmente” porque o bautismo dos novos elementos químicos segue un método estipulado que intenta evitar disputas como as acontecidas na segunda metade do século pasado. Este consiste en que o grupo ou grupos de investigación que se consideran pais do descubrimento dese novo elemento suxírenlle posibles nomes á IUPAC, pero é o Consello desta institución quen toma a decisión final despois de estudar as propostas e o papel que cada grupo xogou nese descubrimento.

No momento en que se aproba un novo nome, a denominación sistemática provisional debe deixar de empregarse. Por este motivo, os dicionarios de química poden quedar rapidamente anticuados, tal e como lle ocorreu ao Vocabulario de química, que o Servizo de Normalización Lingüística da USC editou en 2002.

Alí citábanse aínda elementos como o ununnilio (110) ou o unununio (111). Actualmente, as formas que deben empregarse son, respectivamente, darmstadtio (EN: darmstadtium. ES: darmstadtio. PT: darmstádtio) –aprobado en 2003– e roentgenio[1] (EN: roentgenium. ES: roentgenio. PT: roentgênio ou roentgénio) –aprobado en 2004–.

Xa que logo, supoño que non pasará moito tempo antes de que a listaxe que presentamos uns parágrafos máis arriba comece a quedar anticuada a medida que se vaian bautizando eses novos elementos. Procuraremos tervos informados.

----------------------------------

[1] Os símbolos que identifican estes dous elementos son, respectivamente, Ds e Rg.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.11.2023.