67. As tres fases do parto
Os profesionais da obstetricia distinguen tres períodos no desenvolvemento dun parto: a dilatación (no que o colo do útero vai abríndose ata uns 10 cm para permitir o paso do neno), a expulsión ou período expulsivo (no que o neno sase desde o útero ata o exterior) e un terceiro no que –despois de saír o neno ao exterior– se expulsan os anexos fetais (cordón umbilical, placenta, membranas...).
A forma máis empregada en galego para referirse a ela é *alumeamento, un calco evidente do alumbramiento que se utiliza en castelán.[1] Esta vía non nos parece recomendable xa que todas as outras linguas do noso contorno optan por nomes que remiten á idea de ‘quitar’ ou ‘retirar’ (dequitadura, dequitação ou livramento en portugués, délivrance en francés, delivery of placenta en inglés ou deslliurament en catalán); ou ben toman como base o nome secundina (co que o latín designaba a placenta) para formar substantivos como secundamento (portugués) ou secondamento (italiano).
Unha razón máis que nos leva a desaconsellar o uso de *alumeamento, é que en galego tamén podemos seguir un mecanismo paralelo ao que acabamos de ver nos idiomas veciños. Así, tomando como base librar –que designa o concepto de ‘expulsar a placenta despois do parto’– crear un neoloxismo como libramento, para designar esa terceira fase. Porén, a esta proposta pode apoñérselle un lado escuro desde o punto de vista da pragmática: tanto o verbo librar, como formas de aí derivadas (libracións, libranzas, libras…) teñen un uso real restrinxido ao ámbito da veterinaria e ao nivel popular da lingua: xa que logo, pode haber quen considere que falar do “ libramento” nun contexto culto e médico é inapropiado e ‘vulgarizante’.
Pero, por seguir debatendo contra nós mesmos, é tamén certo que en diferentes puntos de Galicia existe a advocación da Virxe do Libramento, avogosa dos bos partos. E non parece probable que se esa denominación tivese connotacións vulgares fose empregarse nesa situación.
En resumo: desde o noso punto de vista, son moitos os argumentos que avalan a proposta de empregar libramento como denominación galega para a terceira das fases do parto. Quen considere que esa forma ten un “aire” de vulgaridade que non é conveniente para os contextos técnicos –a nós non nolo parece– debería evitar o uso de *alumbramento, e recorrer a algunha forma descritiva como expulsión da placenta ou expulsión das secundinas que, polo momento, non teñen presenza no uso real. |
----------------------------------
[1] Nesta lingua, alumbramiento pode ser tamén unha das formas con que se designa o concepto de ‘proceso polo que unha muller pare un neno’. Nese caso, en galego simplemente teriamos que optar por algunha das denominacións equivalentes (nacemento, parto…).