Pasar al contenido principal

67. As tres fases do parto

Un idioma preciso

Os profesionais da obstetricia distinguen tres períodos no desenvolvemento dun parto: a dilatación (no que o colo do útero vai abríndose ata uns 10 cm para permitir o paso do neno), a expulsión ou período expulsivo (no que o neno sase desde o útero ata o exterior) e un terceiro no que –despois de saír o neno ao exterior– se expulsan os anexos fetais (cordón umbilical, placenta, membranas...).

A forma máis empregada en galego para referirse a ela é *alumeamento, un calco evidente do alumbramiento que se utiliza en castelán.[1] Esta vía non nos parece recomendable xa que todas as outras linguas do noso contorno optan por nomes que remiten á idea de ‘quitar’ ou ‘retirar’ (dequitaduradequitação ou livramento en portugués, délivrance en francés, delivery of placenta en inglés ou deslliurament en catalán); ou ben toman como base o nome secundina (co que o latín designaba a placenta) para formar substantivos como secundamento (portugués) ou secondamento (italiano).

Unha razón máis que nos leva a desaconsellar o uso de *alumeamento, é que en galego tamén podemos seguir un mecanismo paralelo ao que acabamos de ver nos idiomas veciños. Así, tomando como base librar –que designa o concepto de ‘expulsar a placenta despois do parto’– crear un neoloxismo como libramento, para designar esa terceira fase. Porén, a esta proposta pode apoñérselle un lado escuro desde o punto de vista da pragmática: tanto o verbo librar, como formas de aí derivadas (libraciónslibranzaslibras…) teñen un uso real restrinxido ao ámbito da veterinaria e ao nivel popular da lingua: xa que logo, pode haber quen considere que falar do “ libramento” nun contexto culto e médico é inapropiado e ‘vulgarizante’.

Pero, por seguir debatendo contra nós mesmos, é tamén certo que en diferentes puntos de Galicia existe a advocación da Virxe do Libramento, avogosa dos bos partos. E non parece probable que se esa denominación tivese connotacións vulgares fose empregarse nesa situación.

En resumo: desde o noso punto de vista, son moitos os argumentos que avalan a proposta de empregar libramento como denominación galega para a terceira das fases do parto. Quen considere que esa forma ten un “aire” de vulgaridade que non é conveniente para os contextos técnicos –a nós non nolo parece– debería evitar o uso de *alumbramento, e recorrer a algunha forma descritiva como expulsión da placenta ou expulsión das secundinas que, polo momento, non teñen presenza no uso real.

 

----------------------------------

[1] Nesta lingua, alumbramiento pode ser tamén unha das formas con que se designa o concepto de ‘proceso polo que unha muller pare un neno’. Nese caso, en galego simplemente teriamos que optar por algunha das denominacións equivalentes (nacementoparto…).

Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.11.2023.