Skip to main content

As enfermidades metabólicas hereditarias, a debate na USC

Imaxe de arquivo dun laboratorio da USC. FOTO: Santi Alvite
Imaxe de arquivo dun laboratorio da USC. FOTO: Santi Alvite
As sesións de análise e debate serven de colofón ao IV Mestrado Propio en Enfermidades Metabólicas Hereditarias, ao II Curso de Especialización 'Diagnóstico e terapéutica das enfermidades metabólicas conxénitas' e ao I Curso de Especialización 'Atención integral en enfermidades minoritarias. Xestores de casos'
Santiago de Compostela

As xornadas sobre enfermidades metabólicas hereditaria servirán de colofón ao IV Mestrado Propio en Enfermidades Metabólicas Hereditarias, ao II Curso de Especialización 'Diagnóstico e terapéutica das enfermidades metabólicas conxénitas' e ao I Curso de Especialización 'Atención integral en enfermidades minoritarias. Xestores de casos'. O evento que se desenvolve os días 15 e 16 de decembro está organizado pola Cátedra Institucional da USC de Enfermidades Metabólicas Hereditarias Sanofi, que dirixe a profesora María Luz Couce Pico.

A xornada do venres 15 aborda o programa do taller de adherencia terapéutica e inclúe unha mesa redonda titulada 'Reflexións sobre o cribado neonatal xenético', así como unha conferencia sobre terapia xénica impartida pola doutora María José de Castro López. A sesión tamén serve de marco para abordar o presente e o futuro da farmacia hospitalaria.

A xornada do sábado 16 inclúe intervencións sobre casos clínicos de detección moi precoz das enfermidades de Gaucher e Pompe, unha mesa redonda sobre a investigación actual en enfermidades metabólicas e a conferencia de Benigno Rosón Calvo sobre a importancia da intelixencia artificial en relación coas enfermidades raras.

Ás 12.30 horas desenvólvese a mesa de clausura e entrega de diplomas. Nela interveñen o vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación da USC, Gumersindo Feijoo Costa; o codirector do curso de Atención Integral en Enfermidades Metabólicas Hereditarias e presidente de AECOM, Domingo González-Lamuño; a directora da Cátedra, María Luz Couce Pico, e o director médico de Sanofi, Salvador García Fernández.

The contents of this page were updated on 12.15.2023.