As enfermidades metabólicas hereditarias, a debate na USC
As xornadas sobre enfermidades metabólicas hereditaria servirán de colofón ao IV Mestrado Propio en Enfermidades Metabólicas Hereditarias, ao II Curso de Especialización 'Diagnóstico e terapéutica das enfermidades metabólicas conxénitas' e ao I Curso de Especialización 'Atención integral en enfermidades minoritarias. Xestores de casos'. O evento que se desenvolve os días 15 e 16 de decembro está organizado pola Cátedra Institucional da USC de Enfermidades Metabólicas Hereditarias Sanofi, que dirixe a profesora María Luz Couce Pico.
A xornada do venres 15 aborda o programa do taller de adherencia terapéutica e inclúe unha mesa redonda titulada 'Reflexións sobre o cribado neonatal xenético', así como unha conferencia sobre terapia xénica impartida pola doutora María José de Castro López. A sesión tamén serve de marco para abordar o presente e o futuro da farmacia hospitalaria.
A xornada do sábado 16 inclúe intervencións sobre casos clínicos de detección moi precoz das enfermidades de Gaucher e Pompe, unha mesa redonda sobre a investigación actual en enfermidades metabólicas e a conferencia de Benigno Rosón Calvo sobre a importancia da intelixencia artificial en relación coas enfermidades raras.
Ás 12.30 horas desenvólvese a mesa de clausura e entrega de diplomas. Nela interveñen o vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación da USC, Gumersindo Feijoo Costa; o codirector do curso de Atención Integral en Enfermidades Metabólicas Hereditarias e presidente de AECOM, Domingo González-Lamuño; a directora da Cátedra, María Luz Couce Pico, e o director médico de Sanofi, Salvador García Fernández.