Skip to main content

Un proxecto de alumnado da USC sobre a comunidade albina de Mozambique, candidato aos XI Premios ao Voluntariado Universitario

Comunidade albina en Mozambique. FOTO: Fundación Mutua
Comunidade albina en Mozambique. FOTO: Fundación Mutua
En febreiro coñeceranse os oito proxectos gañadores, aos que a Fundación Mutua axudará con 50.000 euros
O proxecto de voluntariado 'A comunidade albina en Mozambique' no que participa alumnado da USC en colaboración coa asociación África Directo, foi seleccionado entre os 20 proxectos finalistas que optarán aos XI Premios ao Voluntariado Universitario que concede a Fundación Mutua Madrileña, nos que os proxectos gañadores se darán a coñecer no mes de febreiro. A iniciativa, na que colaboran nove estudantes da Universidade de Santiago de Compostela e da Universidade Comillas de Madrid, persegue mellorar a atención sanitaria a persoas con albinismo en Mozambique.

Arredor de 20.000 persoas padecen esta patoloxía neste país africano e a súa esperanza de vida non supera os 30 anos, fronte a 62 anos de media do resto da poboación: a falta de melanina nos seus corpos fainas moi vulnerables ao cancro de pel e á perda de visión a idades moi temperás, e o estigma social que padecen condénaas ao illamento, o baixo nivel educativo e a pobreza extrema. A través deste proxecto, as persoas voluntarias buscan elaborar un censo pormenorizado de todas as persoas que padecen esta afección en Mozambique, co obxectivo de garantir un seguimento médico adecuado da evolución da enfermidade en cada persoa para mellorar o tratamento e a calidade de vida dos pacientes.

Esta iniciativa foi seleccionada entre un total de 93 proxectos de voluntariado nos que participan máis de 6.000 estudantes de 68 universidades españolas. Estes proxectos realízanse en colaboración con 72 ONG e benefician de forma directa a máis 2,5 millóns de persoas. A Fundación Mutua Madrileña premiará con 50.000 euros as oito iniciativas que resulten gañadoras: 15.000 euros para o proxecto gañador, seis segundos premios que recibirán 5.000 euros cada un e 5.000 euros para a iniciativa gañadora na categoría Universidade Solidaria, creada nesta XI edición, para recoñecer o mellor proxecto de voluntariado impulsado no seo da universidade. O obxectivo destes galardóns, que a Fundación Mutua Madrileña promove desde hai once anos, é apoiar, recoñecer e visibilizar o labor solidario de estudantes das universidades españolas.

The contents of this page were updated on 01.09.2024.