Un proxecto de alumnado da USC sobre a comunidade albina de Mozambique, candidato aos XI Premios ao Voluntariado Universitario
Arredor de 20.000 persoas padecen esta patoloxía neste país africano e a súa esperanza de vida non supera os 30 anos, fronte a 62 anos de media do resto da poboación: a falta de melanina nos seus corpos fainas moi vulnerables ao cancro de pel e á perda de visión a idades moi temperás, e o estigma social que padecen condénaas ao illamento, o baixo nivel educativo e a pobreza extrema. A través deste proxecto, as persoas voluntarias buscan elaborar un censo pormenorizado de todas as persoas que padecen esta afección en Mozambique, co obxectivo de garantir un seguimento médico adecuado da evolución da enfermidade en cada persoa para mellorar o tratamento e a calidade de vida dos pacientes.
Esta iniciativa foi seleccionada entre un total de 93 proxectos de voluntariado nos que participan máis de 6.000 estudantes de 68 universidades españolas. Estes proxectos realízanse en colaboración con 72 ONG e benefician de forma directa a máis 2,5 millóns de persoas. A Fundación Mutua Madrileña premiará con 50.000 euros as oito iniciativas que resulten gañadoras: 15.000 euros para o proxecto gañador, seis segundos premios que recibirán 5.000 euros cada un e 5.000 euros para a iniciativa gañadora na categoría Universidade Solidaria, creada nesta XI edición, para recoñecer o mellor proxecto de voluntariado impulsado no seo da universidade. O obxectivo destes galardóns, que a Fundación Mutua Madrileña promove desde hai once anos, é apoiar, recoñecer e visibilizar o labor solidario de estudantes das universidades españolas.