Novos achados constatan o carácter monumental e funerario da ‘roda’ de Adai, un xacemento único da Idade de Bronce en Galicia
Novos achados descubertos durante as escavacións dirixidas por Pilar Prieto, investigadora dos grupos EcoPast e Cispac da USC, na ‘roda’ de Adai, tal e como se coñece o xacemento do Castrillón ou Corro dos Mouros, descuberto o século pasado na parroquia de Santa Madalena de Adai do concello de Lugo, constatan o carácter monumental dun recinto cerimonial vinculado co mundo funerario que conforma un conxunto arqueolóxico único en Galicia e cuxa datación se sitúa a cabalo dos últimos anos da Idade de Bronce e os comezos da Idade do Ferro.
Os traballos realizados o verán pasado polos investigadores da USC xunto con Tempos Arqueólogos S.L. neste enclave da contorna rural de Lugo posibilitaron identificar as fase da construción deste recinto arqueolóxico, así como o seu uso e mesmo o abandono do sitio, segundo se desprende do informe valorativo depositado en decembro e no que se recollen resultados preliminares. As tarefas de escavación, que se limitaron a unha superficie de 1,5 x 17 metros, ofreceron aos investigadores implicados neste proxecto importante información para afondar no coñecemento en a comprensión dos xacementos tipo ‘roda’, que é “a denominación máis apropiada para este tipo de enclaves”, sostén Pilar Prieto.
As escavacións practicadas neste xacemento da contorna rural de Lugo serviron para constatar a conservación no dun parapeto, unha construción integrada por un muro de pedra de case dous metros de altura que ten reforzada a súa cara exterior por unha deposición de xabre de case 3 metros de anchura, ademais dun foxo exterior.
Alén destas observacións, a tamén profesora da área de Arqueoloxía da USC sostén que as principais novidades das pescudas practicadas no Corro dos Mouros, son as que apuntan ou, cando menos, suxiren a posibilidade de que o citado parapeto contaba cunha cuberta, a xeito dunha especie de coiraza de seixo que facía visible a edificación desde lonxe, ao tempo que reforza o efecto de monumentalidade da ‘roda’.
A segunda das achegas máis relevantes salientadas por Prieto responde ao achado no interior da ‘roda’ dunha lousa de case 1 metro cadrado, a carón dunha ola que se conserva completa e que foi colocada de pé moi coidadosamente. Este descubrimento, que ata o momento, constitúe un rexistro único en Galicia, pode interpretarse como un acto ritual fundacional, apunta. “A nosa hipótese suxire que o xacemento, que se encadra na dinámica de escala europea xeral, constitúe recinto cerimonial vinculado co mundo funerario”, afirma Prieto, que defende a necesidade de continuar cos traballos de escavación para poder definir adecuadamente a súa función deste conxunto.
Espazo patrimonial rural
O Corro dos Mouros de Adai sitúase nun espazo patrimonial de primeira orde no rural de Lugo, no que cómpre destacar a existencia de petróglifos e, sobre todo, a presenza dunha cabana alongada prehistórica escavada en granito, tipo ‘longhouse’, única en Europa.
O castro de Penarrubia, que se atopa a escasos 500 metros de distancia do Corro dos Mouros, reforza aínda máis a relevancia patrimonial e a importancia deste enclave, sinala Prieto, que considera ademais que estes dous xacementos poderían estar relacionados no tempo e no seu uso.