Pasar al contenido principal

Novos achados constatan o carácter monumental e funerario da ‘roda’ de Adai, un xacemento único da Idade de Bronce en Galicia

Imaxe escaneada do xacemento do Castrillón ou Corro dos Mouros, na parroquia de Adai, en Lugo
Imaxe escaneada do xacemento do Castrillón ou Corro dos Mouros, na parroquia de Adai, en Lugo
As escavacións desenvolvidas no lugués Corro dos Mouros baixo a dirección de Pilar Prieto, investigadora dos grupos EcoPast e Cispac da USC, revelan a lousa fundacional deste conxunto arqueolóxico e suxiren que o parapeto do Castrillón ou Corro dos Mouros, duns dous metros de alto por tres de ancho, tivo unha visible coiraza de seixo
Lugo, Santiago de Compostela

Novos achados descubertos durante as escavacións dirixidas por Pilar Prieto, investigadora dos grupos EcoPast e Cispac da USC, na ‘roda’ de Adai, tal e como se coñece o xacemento do Castrillón ou Corro dos Mouros, descuberto o século pasado na parroquia de Santa Madalena de Adai do concello de Lugo, constatan o carácter monumental dun recinto cerimonial vinculado co mundo funerario que conforma un conxunto arqueolóxico único en Galicia e cuxa datación se sitúa a cabalo dos últimos anos da Idade de Bronce e os comezos da Idade do Ferro.

Os traballos realizados o verán pasado polos investigadores da USC xunto con Tempos Arqueólogos S.L. neste enclave da contorna rural de Lugo posibilitaron identificar as fase da construción deste recinto arqueolóxico, así como o seu uso e mesmo o abandono do sitio, segundo se desprende do informe valorativo depositado en decembro e no que se recollen resultados preliminares. As tarefas de escavación, que se limitaron a unha superficie de 1,5 x 17 metros, ofreceron aos investigadores implicados neste proxecto importante información para afondar no coñecemento en a comprensión dos xacementos tipo ‘roda’, que é “a denominación máis apropiada para este tipo de enclaves”, sostén Pilar Prieto.

As escavacións practicadas neste xacemento da contorna rural de Lugo serviron para constatar a conservación no dun parapeto, unha construción integrada por un muro de pedra de case dous metros de altura que ten reforzada a súa cara exterior por unha deposición de xabre de case 3 metros de anchura, ademais dun foxo exterior.

Alén destas observacións, a tamén profesora da área de Arqueoloxía da USC sostén que as principais novidades das pescudas practicadas no Corro dos Mouros, son as que apuntan ou, cando menos, suxiren a posibilidade de que o citado parapeto contaba cunha cuberta, a xeito dunha especie de coiraza de seixo que facía visible a edificación desde lonxe, ao tempo que reforza o efecto de monumentalidade da ‘roda’.

A segunda das achegas máis relevantes salientadas por Prieto responde ao achado no interior da ‘roda’ dunha lousa de case 1 metro cadrado, a carón dunha ola que se conserva completa e que foi colocada de pé moi coidadosamente. Este descubrimento, que ata o momento, constitúe un rexistro único en Galicia, pode interpretarse como un acto ritual fundacional, apunta. “A nosa hipótese suxire que o xacemento, que se encadra na dinámica de escala europea xeral, constitúe recinto cerimonial vinculado co mundo funerario”, afirma Prieto, que defende a necesidade de continuar cos traballos de escavación para poder definir adecuadamente a súa función deste conxunto.

Espazo patrimonial rural

O Corro dos Mouros de Adai sitúase nun espazo patrimonial de primeira orde no rural de Lugo, no que cómpre destacar a existencia de petróglifos e, sobre todo, a presenza dunha cabana alongada prehistórica escavada en granito, tipo ‘longhouse’, única en Europa.

O castro de Penarrubia, que se atopa a escasos 500 metros de distancia do Corro dos Mouros, reforza aínda máis a relevancia patrimonial e a importancia deste enclave, sinala Prieto, que considera ademais que estes dous xacementos poderían estar relacionados no tempo e no seu uso.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 23.02.2024.