Skip to main content

O Campus Terra promove a innovación e o emprendemento xuvenil no marco da economía azul co proxecto ATLIC

Elvira López Mosquera, con participantes na primeria sesión do proxecto ATLIC celebrada en Lugo
Elvira López Mosquera, con participantes na primeria sesión do proxecto ATLIC celebrada en Lugo
As liñas de traballo e os proxectos de investigación ligados coa potenciación e optimización de recursos no Espazo Atlántico que se desenvolven na sede universitaria luguesa poden inspirar iniciativas innovadoras de emprendemento á mocidade europea, segundo se puxo de manifesto na sesión de apertura do programa Atlantic Innoblue Communities (ATLIC), no que participa na USC xunto con otras entidades e institucións de España, Francia, Irlanda e Portugal
Lugo

O Campus Terra da USC promove e impulsa a innovación e o emprendemento da mocidade no marco do a economía azul ao abeiro do proxecto Atlantic Innoblue Communities (ATLIC), un programa europeo liderado por Vía Láctea, promovido por entidades e institucións de España, Francia, Irlanda e Portugal no que o campus de especialización da USC asentado en Lugo colabora como asociado, segundo indicou a delegada do reitor da USC para o Campus Terra, a profesora Mª Elvira López Mosquera, na sesión inaugural de ATLIC celebrada en xaneiro no o complexo LUG2, na que participaron decenas de mozas e mozas, boa parte deles estudantes universitarios.

A creación dun novo enfoque para a innovación e o emprendemento xuvenil no desenvolvemento da economía azul do Espazo Atlántico centra o principal obxectivo co que botou a andar o proxecto ATLIC, unha iniciativa transnacional, na que tamén participa a incubadora Lug Open Factory, e que aspira a construír unha comunidade azul piloto de innovación atlántica a través da activación de laboratorios abertos de innovación, transferencia de coñecemento, creación de capacidades e redes de apoio. Os resultados acadados nestas sesións poderían servir  para desenvolver ou, no seu caso, desenvolver solucións de mercado a desafíos comúns das rexións do chamado espazo atlántico, segundo se recolle nas bases deste programa Interreg.

O enfoque do proxecto, estruturado en sesións de formación activa dirixidas a mocidade de entre 16 e 30 anos e que se prolongarán durante tres anos, busca optimizar e aglutinar as sinerxías entre mocidade, pemes, institucións públicas e privadas en aras a un desenvolvemento económico sostible que favoreza a innovación e a creación de novas oportunidades de emprego.

As achegas que pode realizar o Campus Terra neste eido son múltiples, tal e como explicou á comunidade xuvenil reunida en Lugo Elvira López Mosquera. A delegada do Reitor da USC neste campus de especialización da USC presentou a dilatada experiencia que atesoura a sede universitaria en programas de emprendemento universitario, tanto os promovidos por iniciativas privadas como a través de convocatorias públicas, como un activo que se pode trasladar desde a USC á mocidade implicada no proxecto ATLIC.

A relación de moitas das liñas e dos proxectos de I+D desenvolvidos ou nos que traballa a comunidade científica do Campus Terra xustifica a súa implicación no programa Atlantic Innoblue Communities, salienta López Mosquera, que citou neste senso o bo número de actuacións orientadas ao aproveitamento dos recursos mariños, así como proxectos enfocados ao control e eliminación de toxinas emerxentes, ademais doutros no plano da acuicultura, recuperación de especies en perigo de extinción, aproveitamento de augas rexeneradas, aproveitamento de algas e de descartes de peixe, iniciativas a prol da mitigación do cambio climático...

 

The contents of this page were updated on 02.06.2024.