Skip to main content

Servizos de mediación

Ofrécense labores de mediación en diferentes ámbitos: universitario, familiar, comunitario, escolar ou civil e mercantil.

Servizo de mediación universitaria

A institución universitaria, como organización complexa, posúe características propias e diferenciais que derivan nunha conflitividade particular. Constitúe, ademais, un lugar común que a inacción ante as controversias no ámbito universitario repercute negativamente, non só na produtividade da institución, senón tamén e, moi especialmente, na satisfacción dos seus membros.

É por isto que o Servizo de Mediación Universitaria proporcionará asistencia á súa comunidade co fin de vencer as dificultades xurdidas do normal funcionamento da interacción inter-persoal:

  • Conflitos entre a organización e o seu persoal.
  • Conflitos xurdidos entre diferentes profesionais.
  • Conflitos manifestados entre diferentes colectivos da institución (profesorado-alumnado; persoal de administración e servizos-profesorado etc.).
  • Conflitos entre distintas entidades ou servizos universitarios.

Servizo de mediación familiar

A crise preséntanse coma un elemento inherente á vida e ciclo da familia. As devanditas crises posibilitan que esta última poda adaptarse ás novas necesidades que impón a evolución dos seus diferentes membros. Porén, a súa deficiente xestión pode derivar en conflitos altamente prexudiciais para o referido contexto e cada un dos membros que o integran.

A mediación, lonxe de alimentar a escalada do conflito, fomenta a mellora da comunicación entre aquelas persoas que, tal e como acontece na familia, se ven obrigadas a construír un novo tipo de relación. Favorece a creación de espazos de diálogo nos que abordar aqueles temas que interesan ás partes, para con isto, atopar e decidir por si mesmas as solucións que mellor se adapten ás súas necesidades e saír, inclusive, fortalecidas dos conflitos.

Entre os conflitos nos que se intervén nas relacións familiares cabe salientar os seguintes:

  • Controversias derivadas de situacións de ruptura de parella.
  • Controversias entre pais/nais e fillas/os.
  • Controversias entre irmáns e irmás.
  • Controversias derivadas de procesos de adopción e acollemento.
  • Controversias relativas a sucesións. 

Servizo de mediación civil e mercantil

A mediación facilita ás diferentes empresas e organizacións a xestión áxil e económica de toda aquela conflitividade que emana, tanto do seu propio funcionamento, como das súas relacións con organismos externos.

Polo que respecta á conflitividade interna, realidades tan significativas no rendemento da organización como son controversias entre traballadores e órganos directivos, entre diferentes traballadores etc., atopan acomodo neste mecanismo alternativo de xestión de conflitos.

A mediación permite atender, de igual modo, á problemática que pode ter lugar no seo das relacións comerciais que as diferentes organizacións acostuman a establecer con entidades externas —en atención dos prexudiciais efectos que, sobre a súa eficacia, ocasionan—. Entre a devandita problemática cabe salientar:

  • Conflitos con empresas provedoras.
  • Conflitos con clientes e clientas.
  • Conflitos con socias e socios.

Servizo de mediación comunitaria

A sociedade actual demanda novas ferramentas, capaces de adaptarse aos seus continuos cambios e de mellorar, con isto, a cohesión social e a integración das diferentes culturas.

A defectuosa xestión de cuestións como o uso do espazo público, a convivencia diaria ou as diferentes necesidades de benestar das e dos cidadáns poden transformarse en obstáculos que entorpezan o potencial de crecemento social. É por isto que se fai indispensábel a implicación de toda a cidadanía na acción pública.

Co obxecto de contribuír á prevención e xestión dos conflitos comunitarios, a mediación ofrece ferramentas baseadas, tanto na co-responsabilidade da cidadanía e as administracións públicas, como no fomento da participación e o respecto ás diferenzas.

A través da mediación comunitaria teñen acomodo, entre outras, a xestión das disputas que se relacionan:

  • Controversias entre membros de comunidades de veciños (uso de espazos comúns, ruídos etc.).
  • Controversias derivadas do uso de espazos públicos.
  • Controversias relativas ao medio ambiente.
  • Controversias que dean orixe a exclusión social.
  • Controversias produto do incumprimento de normas básicas de civismo (ruídos, actividades molestas etc.).

Servizo de mediación escolar

O Centro de Mediación do CIARCUS avoga pola Cultura de Paz e, máis concretamente, pola mediación escolar como mecanismos para a mellora da convivencia nos centros educativos. Así, no referido contexto contémplase a implantación de intervencións que, ao abeiro do plan de centro e o proxecto educativo de cada institución, permitan transformar as crises en oportunidades de cambio e crecemento:

  • Mediación entre profesorado, entre profesorado e alumnado, entre alumnado etc.
  • Programas de análise e prevención de conflitos.
  • Actividades de capacitación da comunidade educativa en xestión construtiva de conflitos.
  • Actividades de sensibilización verbo da relevancia da convivencia como ingrediente fundamental do desenvolvemento social e persoal.

Todo isto reverterá, sen dúbida, no camiño cara a unha sociedade pacífica, presidida por valores de cooperación, xustiza, igualdade e respecto.

Servizo de asesoramento na prevención e xestión de conflitos

Para alén do xa referido en relación á abordaxe e tratamento do conflito, naqueles casos nos que, sexa por unha cuestión de multilateralidade, sexa porque o conflito aínda non pode ser considerado como tal, por estar larvado ou latente, o servizo intervirá para previr a escalada ou estancamento da controversia e afondar, deste xeito, na cultura da paz.

The contents of this page were updated on 04.26.2024.