Skip to main content

Un total de 147 deportistas con discapacidade intelectual danse cita na piscina universitaria nos Xogos Autonómicos de Natación

Os Xogos darán comezo ás 12.00 horas na Piscina Universitaria. FOTO: Santi Alvite
Os Xogos darán comezo ás 12.00 horas na Piscina Universitaria. FOTO: Santi Alvite
O campionato que se desenvolve este domingo 10 pretende "contribuír a fomentar hábitos de vida saudables e aumentar a autoestima, a superación, as relacións persoais das persoas participantes e a plena inclusión”
Santiago de Compostela

A USC súmase a Special Olympics Galicia e ao Concello de Santiago no impulso das Xornadas Autonómicas de Natación para persoas con discapacidade intelectual que a asociación deportiva desenvolverá este domingo 10 de marzo na piscina universitaria. Dende a organización recálcase que a iniciativa pretende "contribuír a fomentar hábitos de vida saudables e aumentar a autoestima, a superación, as relación persoais das persoas participantes e a plena inclusión”. Os Xogos chegan este ano á súa edición número 26.

Un total de 147 deportistas con discapacidade intelectual de toda Galicia participarán neste encontro deportivo, co apoio de 38 adestradores e 30 persoas voluntarias da organización, reunindo a máis de 200 persoas. A vicerreitora de Estudantes e Cultura Pilar Murias Fernández participou no acto de presentación dos campionatos xunto á concelleira de Deportes do Concello de Santiago, Pilar Lueiro García; o presidente de Special Olympics, Eladio Fernández Pérez; e o deputado provincial de Deportes, Antonio Leira Piñeiro. Tamén interviñeron representantes da asociación local Aspas, que colabora este ano na iniciativa, da man do seu xerente, Javier García Sánchez, e a deportista Nieves Iglesias Noya, que participará este domingo na xornada deportiva.

Os Xogos darán comezo ás 12.00 horas na Piscina Universitaria de Santiago de Compostela e desenvolveranse durante toda a xornada, prevendo que o acto de clausura sexa en torno ás 18.30 horas. En total son 15 as asociacións participantes, das cales cinco proveñen da provincia de Lugo, catro de Ourense, tres de Pontevedra e tres da Coruña.

Rolda de prensa de presentación. FOTO: Concello de Santiago
Rolda de prensa de presentación. FOTO: Concello de Santiago
The contents of this page were updated on 03.08.2024.