Un total de 147 deportistas con discapacidade intelectual danse cita na piscina universitaria nos Xogos Autonómicos de Natación
A USC súmase a Special Olympics Galicia e ao Concello de Santiago no impulso das Xornadas Autonómicas de Natación para persoas con discapacidade intelectual que a asociación deportiva desenvolverá este domingo 10 de marzo na piscina universitaria. Dende a organización recálcase que a iniciativa pretende "contribuír a fomentar hábitos de vida saudables e aumentar a autoestima, a superación, as relación persoais das persoas participantes e a plena inclusión”. Os Xogos chegan este ano á súa edición número 26.
Un total de 147 deportistas con discapacidade intelectual de toda Galicia participarán neste encontro deportivo, co apoio de 38 adestradores e 30 persoas voluntarias da organización, reunindo a máis de 200 persoas. A vicerreitora de Estudantes e Cultura Pilar Murias Fernández participou no acto de presentación dos campionatos xunto á concelleira de Deportes do Concello de Santiago, Pilar Lueiro García; o presidente de Special Olympics, Eladio Fernández Pérez; e o deputado provincial de Deportes, Antonio Leira Piñeiro. Tamén interviñeron representantes da asociación local Aspas, que colabora este ano na iniciativa, da man do seu xerente, Javier García Sánchez, e a deportista Nieves Iglesias Noya, que participará este domingo na xornada deportiva.
Os Xogos darán comezo ás 12.00 horas na Piscina Universitaria de Santiago de Compostela e desenvolveranse durante toda a xornada, prevendo que o acto de clausura sexa en torno ás 18.30 horas. En total son 15 as asociacións participantes, das cales cinco proveñen da provincia de Lugo, catro de Ourense, tres de Pontevedra e tres da Coruña.