A EPSE desenvolverá estratexias para valorizar o bosque mixto atlántico en Galicia e Asturias co proxecto Mixturando
O grupo de investigación Proxectos e Planificación (PROePLA) da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC traballa no desenvolvemento de estratexias para valorizar o bosque mixto atlántico en espazos protexidos de Galicia e Asturias ao abeiro do proxecto Mixturando. Esta nova iniciativa de I+D+i, promovida polos grupos de desenvolvemento rural Limia-Arnoia e Condado Paradanta, xunto coa entidade asturiana Camín Real de la Mesa, conta con un orzamento de 1.660.592,38 €, financiados pola Fundación Biodiversidad, dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico do Goberno de España, con cargo a fondos Next GenerationEU.
O proxecto Mixturando, cuxos socios celebraron este luns unha sesión técnica de inicio do programa, na EPS de Enxeñaría, ten como obxectivo presentar e desenvolver desde unha perspectiva local modelos técnico-económicos de manexo do bosque mixto autóctono, preferentemente aqueles situados en áreas de alto valor ambiental, de forma que se compatibilice o respecto aos valores ambientais coa xeración de emprego e riqueza a partir da actividade económica, explicou o catedrático do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC e coordinador do grupo PROePLA, Manuel Marey.
Os distintos axentes implicados neste programa desenvolverán e validarán diferentes procesos produtivos en dúas zonas de Galicia e unha de Asturias, a fin de protocolos de manexo e datos técnicos das actuacións que serán analizadas desde o punto de vista técnico e científico, un cometido ao que se sumará a elaboración de material divulgativo e de extensión en diferentes formatos e a diferentes niveis.
Outro dos cometidos do proxecto Mixturando, financiado con cargo a subvencións para de apoio a proxectos transformadores para promover a bioeconomía forestal e contribuír así á transición ecolóxica, é a formación e capacitación das persoas traballadoras que desenvolverán as tarefas de campo.
Este programa, tal e como se puxo de manifesto este luns na sesión técnica de apertura, intégrase perfectamente no novo modelo de bioeconomía. Neste contexto, o aproveitamento dos recursos endóxenos (bosque mixto en zonas de protección da natureza) será levado a cabo por traballadores das zonas (xeración de emprego e actividade económica) de forma respectuosa e compatible coa protección ambiental, co que se estará a contribuír a unha xestión forestal máis activa e sustentable que, entre outras vantaxes, permitirá reducir a vulnerabilidade destas masas ao risco de incendios.