Ir o contido principal

A EPSE desenvolverá estratexias para valorizar o bosque mixto atlántico en Galicia e Asturias co proxecto Mixturando

Manuel Marey, terceiro pola esquerda, con representantes das entidades consorciadas no proxecto Mixturando, na EPS de Enxeñaría da USC
Manuel Marey, terceiro pola esquerda, con representantes das entidades consorciadas no proxecto Mixturando, na EPS de Enxeñaría da USC
O grupo Proxectos e Planificación (PROePLA) da USC participa no consorcio impulsor do programa, financiado pola Fundación Biodiversidad con preto de 1,7 millóns de euros con cargo aos fondos Next GenerationEU e cuxo obxectivo pasa por explorar modelos técnico-económicos respectuosos co medio ambiente e coa xeración de riqueza
Lugo

O grupo de investigación Proxectos e Planificación (PROePLA) da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC traballa no desenvolvemento de estratexias para valorizar o bosque mixto atlántico en espazos protexidos de Galicia e Asturias ao abeiro do proxecto Mixturando. Esta nova iniciativa de I+D+i, promovida polos grupos de desenvolvemento rural Limia-Arnoia e Condado Paradanta, xunto coa entidade asturiana Camín Real de la Mesa, conta con un orzamento de 1.660.592,38 €, financiados pola Fundación Biodiversidad, dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico do Goberno de España, con cargo a fondos Next GenerationEU.

O proxecto Mixturando, cuxos socios celebraron este luns unha sesión técnica de inicio do programa, na EPS de Enxeñaría, ten como obxectivo presentar e desenvolver desde unha perspectiva local modelos técnico-económicos de manexo do bosque mixto autóctono, preferentemente aqueles situados en áreas de alto valor ambiental, de forma que se compatibilice o respecto aos valores ambientais coa xeración de emprego e riqueza a partir da actividade económica, explicou o catedrático do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC e coordinador do grupo PROePLA, Manuel Marey.

Os distintos axentes implicados neste programa desenvolverán e validarán diferentes procesos produtivos en dúas zonas de Galicia e unha de Asturias, a fin de protocolos de manexo e datos técnicos das actuacións que serán analizadas desde o punto de vista técnico e científico, un cometido ao que se sumará a elaboración de material divulgativo e de extensión en diferentes formatos e a diferentes niveis.

Outro dos cometidos do proxecto Mixturando, financiado con cargo a subvencións para de apoio a proxectos transformadores para promover a bioeconomía forestal e contribuír así á transición ecolóxica, é a formación e capacitación das persoas traballadoras que desenvolverán as tarefas de campo.

Este programa, tal e como se puxo de manifesto este luns na sesión técnica de apertura, intégrase perfectamente no novo modelo de bioeconomía. Neste contexto, o aproveitamento dos recursos endóxenos (bosque mixto en zonas de protección da natureza) será levado a cabo por traballadores das zonas (xeración de emprego e actividade económica) de forma respectuosa e compatible coa protección ambiental, co que se estará a contribuír a unha xestión forestal máis activa e sustentable que, entre outras vantaxes, permitirá reducir a vulnerabilidade destas masas ao risco de incendios.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.03.2024.