Skip to main content

‘Mulleres bravas’ hondureñas presentan na EPS de Enxeñaría alternativas sustentables de produción

Relatoras e asistentes ao coloquio 'Mulleres bravas', na EPS de Enxeñaría
Relatoras e asistentes ao coloquio 'Mulleres bravas', na EPS de Enxeñaría
A labrega Verónica Rodríguez e a marisqueira Mariela Burgos sensibilizan no Campus Terra da USC sobre o impacto dos proxectos industriais e extractivos nas persoas e no medio ambiente, ao tempo que comparten algunhas iniciativas a prol da sustentabilidade dos recursos que están a desenvolver en Honduras

O proxecto o proxecto ‘Mulleres bravas de Honduras e Galicia. Tendendo pontes entre defensoras da vida’, impulsado por Amigas da Terra e Enxeñería Sen Fronteiras co apoio da Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social e o financiamento da Xunta de Galicia, permitiu a comunidade universitaria do Campus Terra da USC coñecer algunhas das iniciativas sustentables de produción e manexo da terra que se están a desenvolver no país centroamericano.

A labrega Verónica Rodríguez e a marisqueira Mariela Burgos deron conta na EPS de Enxeñaría de diferentes iniciativas que están a desenvolver en Honduras a prol da conservación da terra. Estas dúas mulleres hondureñas narraron as súas respectivas experiencias no marco dun coloquio aberto á comunidade universitaria.

O obxectivo deste proxecto é dar a coñecer e sensibilizar sobre impactos sobre as persoas e o medio ambiente dos proxectos industriais e extractivos tanto en Honduras como Galicia, ademais de presentar alternativas sustentables e, sobre todo, poñer o foco no labor das mulleres defensoras da terra e na necesidade de sumar forzas cara unha loita común fronte a macroproxectos empresariais que contaminan terras e augas, afectan aos ecosistemas e destrúen as comunidades ás que nin sequera se ten en conta á hora de tomar decisións.

Neste contexto, a labrega e lideresa comunitaria Verónica Rodríguez, que participa na construción de políticas para garantir a igualdade ao abeiro da Asociación de Desenvolvemento Pespirense (ADEPES) e preside a Reserva Estratéxica Comunitaria de Grans e Sementes Básicas, unha organización hondureña que traballa para asegurar a dispoñibilidade de alimentos básicos e a estabilidade de prezos nas comunidades durante períodos de escaseza e seca, deu conta á comunidade universitaria luguesa do traballo que está a desenvolver en Honduras.

Asemade, a marisqueira Mariela Burgos falou durante a súa intervención das distintas tarefas que realiza xunto con outros grupos de mulleres marisqueiras en aras a acadar outros ingresos. Burgos tamén aproveitou a súa presenza en Lugo para reivindicar a loita de distintos colectivos hondureños contra as empresas de cría industrial de lagostino que, segundo indicou, tratan de apoderarse dos espazos de recolección deste tipo de crustáceos.                               

The contents of this page were updated on 03.11.2024.