Abre na Biblioteca Concepción Arenal a exposición itinerante ‘8 libros, 8 mulleres que cambiaron o mundo’
A exposición '8 libros, 8 mulleres que cambiaron o mundo' pode verse desde este martes 23 na Biblioteca Concepción Arenal. Con motivo de conmemorarse o Día do Libro representantes dos equipos decanais de Dereito, Políticas e Relacións Laborais, así como representantes do estudantado desas facultades e persoal da biblioteca leron fragmentos das oito obras arredor das que xira a mostra.
Organizada pola Biblioteca Universitaria, a mostra presenta unha selección de obras escritas por mulleres que mudaron o mundo con palabras, obras senlleiras da ecoloxía, a literatura ou a política escrita por mulleres; ten carácter itinerante e xa se puido ver na Biblioteca da Facultade de Filoloxía. A idea orixinal da exposición correspondelle á Federación Española de Asociaciones de Profesionales de los Archivos, las Bibliotecas, los Centros de Documentación, de Información y de Interpretación, los Museos y los Yacimientos Arqueológicos (ANABAD), e o deseño é de Pedro Quílez. Tratase dunha mostra que está presente noutras bibliotecas do estado. No caso da USC, fíxose a tradución ao galego e escolléronse as versións na nosa lingua para aquelas obras que contaban cunha edición en galego.
A mostra consta de nove paneis: un introdutorio e oito máis dedicados a unha muller e a súa obra, cun breve fragmento desta. As obras recollidas nos paneis son: Frankenstein ou o moderno Prometeo (1818), de Mary Shelley; A cabana do tío Tom (1851) de Harriet Beecher Stowe; Abaixo as armas (1889) de Bertha Von Suttner; O voto feminino e mais eu (1936) de Clara Campoamor; Matar un reiseñor (1960) de Harper Lee; Primavera silenciosa (1962) de Rachel Carson; Eichmann en Xerusalén (1963) de Hanna Arendt e A mística da feminidade (1963) de Betty Friedan.
A mostra, que recibiu unha axuda da Secretaría Xeral de Política Lingüística para a súa realización, desprazarase á Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais desde o 21 de maio ata o 6 de xuño e posteriormente chegará a outras bibliotecas de Santiago e Lugo.
Con motivo do Día do Libro desenvólvense esta semana distintas actividades na Biblioteca Universitaria.