Pasar al contenido principal

Abre na Biblioteca Concepción Arenal a exposición itinerante ‘8 libros, 8 mulleres que cambiaron o mundo’

Na inauguración da mostra na Biblioteca Concepción Arenal léronse fragmentos de oito libros
Na inauguración da mostra na Biblioteca Concepción Arenal léronse fragmentos de oito libros
Con motivo da conmemoración do Día do Libro este martes, profesorado e estudantado das facultades de Dereito, Políticas e Relacións Laborais leron oito fragmentos dos oito obras sobre as que xira a mostra

A exposición '8 libros, 8 mulleres que cambiaron o mundo' pode verse desde este martes 23 na Biblioteca Concepción Arenal. Con motivo de conmemorarse o Día do Libro representantes dos equipos decanais de Dereito, Políticas e Relacións Laborais, así como representantes do estudantado desas facultades e persoal da biblioteca leron fragmentos das oito obras arredor das que xira a mostra.

Organizada pola Biblioteca Universitaria, a mostra presenta unha selección de obras escritas por mulleres que mudaron o mundo con palabras, obras senlleiras da ecoloxía, a literatura ou a política escrita por mulleres; ten carácter itinerante e xa se puido ver na Biblioteca da Facultade de Filoloxía. A idea orixinal da exposición correspondelle á Federación Española de Asociaciones de Profesionales de los Archivos, las Bibliotecas, los Centros de Documentación, de Información y de Interpretación, los Museos y los Yacimientos Arqueológicos (ANABAD), e o deseño é de Pedro Quílez. Tratase dunha mostra que está presente noutras bibliotecas do estado. No caso da USC, fíxose a tradución ao galego e escolléronse as versións na nosa lingua para aquelas obras que contaban cunha edición en galego.

A mostra consta de nove paneis: un introdutorio e oito máis dedicados a unha muller e a súa obra, cun breve fragmento desta. As obras recollidas nos paneis son: Frankenstein ou o moderno Prometeo (1818), de Mary Shelley; A cabana do tío Tom (1851) de Harriet Beecher Stowe; Abaixo as armas (1889) de Bertha Von Suttner; O voto feminino e mais eu (1936) de Clara Campoamor; Matar un reiseñor (1960) de Harper Lee;  Primavera silenciosa (1962) de Rachel Carson; Eichmann en Xerusalén (1963) de Hanna Arendt e A mística da feminidade (1963) de Betty Friedan.

A mostra, que recibiu unha axuda da Secretaría Xeral de Política Lingüística para a súa realización, desprazarase á Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais desde o 21 de maio ata o 6 de xuño e posteriormente chegará a outras bibliotecas de Santiago e Lugo.

Con motivo do Día do Libro desenvólvense esta semana distintas actividades na Biblioteca Universitaria.

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 02.05.2024.