Skip to main content

A comunidade universitaria da USC ante a situación en Palestina: polos dereitos humanos, a democracia e a paz na Franxa de Gaza

A USC reitera o seu posicionamento de rexeitamento á escalada bélica na Franxa de Gaza
A USC reitera o seu posicionamento de rexeitamento á escalada bélica na Franxa de Gaza
A Universidade de Santiago de Compostela reitera o seu posicionamento de rexeitamento á escalada bélica na Franxa de Gaza.

A Universidade de Santiago de Compostela quere reiterar o seu posicionamento de rexeitamento á escalada bélica na Franxa de Gaza, como quedou de manifesto o pasado 30 de novembro de 2023 coa declaración institucional aprobada polo Claustro Universitario no que se trasladaba “a solidariedade ás comunidades universitarias e científicas así como ao conxunto da poboación civil”.

“En relación coa terrible situación que se está a vivir en territorio palestino, dende a Universidade de Santiago de Compostela demandamos o cesamento dos crimes de guerra, a fin do bloqueo humanitario e a retirada de tropas israelís en Gaza e Cisxordania”, afirmaba o manifesto. “Por suposto, a comunidade universitaria chama ao cumprimento estrito da legalidade internacional e dos dereitos humanos. Consideramos que estas condicións son garantes para a consecución da única situación admisible, a paz en Palestina”, engadía.
 
Por todo isto, dende a Universidade de Santiago de Compostela “demandamos o alto o fogo inmediato sobre estes territorios, así coma o apoio oficial e institucional á Corte Penal Internacional para investigar os crimes de guerra e de lesa humanidade”, concluía o texto.

Consello do Estudantado
No mesmo senso pronunciouse este xoves o Consello do Estudantado da USC, que nun comunicado advirte que “calquera política non enfocada ao cese da loita armada en Palestina e na reparación dos agravios cometidos contra o seu pobo é contraria aos valores que representa a universidade, e moi particularmente a nosa, que ten por función potenciar "unha educación baseada nos principios democráticos, a defensa da paz e dos dereitos humanos".

Neste contexto, o órgano de representación das e dos estudantes da USC quere sumarse ás voces “que berran pedindo o cese inmediato do conflito armado e a recuperación de vías diplomáticas en cumprimento do Dereito Internacional, coa fin de evitar un maior sufrimento, e restaurar progresivamente unhas condicións dignas para que, non só o estudantado, senón todo o pobo de Palestina, poida vivir en paz na súa terra”.

Comunicado CRUE
Agora, dado o agravamento do conflito e as penosas consecuencias que está a ter para a poboación palestina, tal e como advertiu este xoves nun comunicado CRUE Universidades Españolas, da que a USC forma parte e por tanto asume novamente, “as universidades estamos profundamente conmovidas” e por iso “facemos noso o sentir dos nosos campus e a reivindicación que desde eles se está estendendo para que, desde distintas instancias, se adopten medidas que poñan freo á escalada de violencia”, o que pasa polo cese inmediato e definitivo das operacións militares israelís así como de calquera acción de carácter terrorista e o respecto do dereito internacional por parte de Israel.

Ademais, a USC e o resto das Universidades do Estado comprométense a revisar e, de ser o caso, suspender as colaboracións con universidades e centros de investigación israelís que non expresasen un firme compromiso coa paz e o cumprimento do dereito internacional humanitario. Ademais, intensificarán a cooperación co sistema científico e de educación superior palestino e ampliarán os programas de cooperación, voluntariado e atención á poboación refuxiada. Á súa vez, manifestan o “compromiso de velar por que non se produzan condutas de antisemitismo ou islamofobia nin de calquera outro comportamento de odio no seno das comunidades universitarias”.

 

The contents of this page were updated on 06.26.2024.