Decanas e decanos de Psicoloxía de universidades de todo o Estado abordan en Santiago o futuro da titulación
A Conferencia de decanos e decanas de Psicoloxía das universidades españolas (CDPUE) comezou este xoves no Centro de Estudos Avanzados da Universidade de Santiago a súa reunión bianual cun acto oficial de inauguración presidido polo vicerreitor de Profesorado da USC Ernesto González Seoane e ao que tamén asistiron a decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e vogal do Consello Xeral da Psicoloxía, Rosa Álvarez Prada, e o presidente da Conferencia Antonio Ferrer Manchón. O encontro persegue constituír un foro de encontro e discusión de cuestións que afectan os ensinos oficiais da Psicoloxía en España así como outros aspectos máis concretos relativos aos diferentes ámbitos desta ciencia e a súa aplicación profesional.
A reunión da CDPUE supón un avance importante na consolidación da calidade e renovación dos estudos de Psicoloxía en España, segundo a organización. Nas xornadas do xoves e do venres, as persoas asistentes debaterán e buscarán o acordo en asuntos importantes para os estudos de Psicoloxía, explorarán vías de mellora das titulacións e traballarán sobre aspectos específicos de aplicación da Psicoloxía nos seus diferentes ámbitos profesionais e académicos.
Na mañá deste xoves 23 desenvolveuse unha mesa de debate coordinada por Maribel Hombrados Mendieta da Universidad de Málaga, baixo o título 'Psicoloxía da intervención social e comunitaria: formación e profesión' e unha charla do presidente da Asociación Española de Servicios Psicológicos y Psicopedagógicos Universitarios, Miguel Ángel Rando, co título 'Servicios de asistencia psicolóxica e/ou clínicas de psicoloxía nas universidades españolas: percorrido e estado actual'. Para a tarde, a partir das 16.00 horas e ata as 18.30 horas, está programada a asemblea xeral da Conferencia. O venres 24 a partir das 9.30 horas continuarán a examinarse os asuntos da orde do día da asemblea e esta rematará ás 13.30 horas.