Skip to main content

A Feira de Primavera ‘Innovando no Rural’ porá o foco nas emprendedoras que loitan contra o despoboamento

Imaxe de arquivo da feira de outono
Imaxe de arquivo da feira de outono
O Campus Terra da USC lidera esta iniciativa que se desenvolve o xoves 6 na Praza da Mosqueira de Lugo e que contará cunha vintena de espazos expositores, mesas redondas e a actuación de Catuxa Salom ás 13.00 e 17.00 horas
Lugo

A feira ‘Innovando no Rural’ daralle voz este xoves 6 ás mulleres emprendedoras que desenvolven unha actividade clave na revitalización das zonas máis despoboadas xa que “a súa capacidade para xerar emprego e crear riqueza é esencial no desenvolvemento económico destes enclaves”. Así o explican dende a organización do evento que bota a andar ás 10.00 horas na Praza da Mosqueira de Lugo. O Campus Terra da USC impulsa esta iniciativa que contará cunha vintena de casetas emprendedoras, mesas redondas e a actuación de Catuxa Salom ás 13.00 e ás 17.00 horas.

Este é un evento de promoción e difusión de empresas lideradas por mulleres no ámbito do rural galego, achegando ao público os seus produtos e servizos. Paralelamente, organízanse mesas redondas onde, por unha banda, emprendedoras de referencia expoñen a súa experiencia á hora de emprender e os retos que se atopan no camiño e, por outra, as administracións públicas organizadoras e colaboradoras da xornada presentan iniciativas e liñas de axudas vencelladas ao emprendemento.

A sesión inaugural será conducida ás 10.00 horas pola directora de Woman Emprende, Eva López Barrio, e contará coas intervencións da delegada do reitor para o Campus Terra, Elvira López Mosquera; de José Luis Villaverde Acuña, director da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) da Universidade de Santiago de Compostela; Paula Alvarellos Fondo, alcaldesa do Concello de Lugo; Javier Arias Fouz, delegado territorial da Xunta de Galicia; Verónica Marcos Arrojo, presidenta da Federación de Mulleres Rurais FADEMUR; e Luis García Santalla, presidente da Fundación CEL.

Tecer redes

“Nesta Feira de Primavera queremos darlle voz e presenza a estas mulleres, que emprenden no rural co propósito de conseguir unha mellor vida para elas e o seu contexto próximo”, apuntan dende o Campus de Lugo da USC. O programa do evento está pensando para impulsar, orientar e axudar a todas as mulleres que queren iniciar o seu propio camiño laboral, tanto se teñen unha idea que parte de cero coma se xa emprenderon e necesitan un novo rumbo. Para axudalas, sobre todo nas fases iniciais do seu negocio, “é necesario reforzar accións deste tipo que lles acheguen os recursos e coñecementos necesarios, así como tecer redes de colaboración que se establecerán nesta Feira de Primavera”, engaden.

Nas diferentes mesas redondas e casetas expositivas analizaranse as características máis destacadas destes negocios rurais, moitos deles familiares e de tamaño moi pequeno. Tamén se facilitará o debate para establecer alianzas necesarias para as emprendedoras que están a lanzar ou consolidando o seu proxecto de emprendemento. Tal e como explican dende o Campus Terra da USC, a meta é mostrar como moitos destes proxectos parten de “fortes compoñentes innovadores, científicos e dixitalizados”.

Fenda

As administracións públicas, as universidades e o ecosistema emprendedor, “temos que corrixir unha brecha histórica que pon en desvantaxe a mulleres fronte a homes á hora de emprender e que fai, ademais, que non aproveitemos todo o talento que ten a nosa sociedade”, subliñan. Neste senso, cómpre salientar que “as mulleres que emprenden en zonas rurais teñen unha fonda concienciación ambiental e social, preocúpanse do impacto que poidan xerar nas súas comunidades, algo que tamén coincide cos obxectivos do Campus de Especialización Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela, que pon o seu foco na sustentabilidade e na loita contra problemáticas como o despoboamento”. Ademais do Campus Terra da USC, tamén intervén na organización da feira o programa da USC Woman Emprende e a Xunta de Galicia.

The contents of this page were updated on 06.05.2024.