Skip to main content

A Domus do Mitreo, escenario de reflexión arredor dos diversos modos de integración indíxena no Imperio Romano

A xornada do día 19 desenvolverase no Museo Universitario A Domus do Mitreo
A xornada do día 19 desenvolverase no Museo Universitario A Domus do Mitreo
O Museo Universitario e a Facultade de Humanidades do Campus de Lugo acollerán os días 18 e 19 de xuño un coloquio multidisciplinar con especialistas de España, Francia, Italia e Portugal
Lugo

Os diversos modos de integración da poboación indíxena no Imperio Romano centrarán en Lugo, do 18 ao 19 de xuño, o coloquio internacional ‘Aut recepti beneficio se obligatos putant. Formas non coercitivas de transformación indíxena’, impulsado polo ‘Grupo de Estudos para a Prehistoria do NW Ibérico. Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio’ da USC. A sesión do día 18 desenvolverase na Facultade de Humanidades do Campus de Lugo, mentres que a do 19 terá lugar no Museo Universitario A Domus do Mitreo. Ambas as dúas xornadas botan a andar ás 10.00 horas.

Neste foro analizaranse diversos modos de integración no imperio romano, todos eles caracterizados pola ausencia de violencia. Veranse tanto os cambios que habitualmente se encadra  dentro da “autorromanización” como aqueles inducidos por Roma mediante a concesión de beneficia e outros estímulos que, como indica a frase latina do título, favorecen a colaboración voluntaria dos e das indíxenas.

“O que pretendemos é intercambiar os nosos resultados de investigación con 18 investigadores e investigadoras procedentes de 11 universidades e centros de investigación de España, Francia, Italia e Portugal”, explica a profesora Dolores Dopico, quen dirixe o foro xunto ao tamén profesor da USC, Manuel Villanueva Acuña. Trátase dun coloquio multidisciplinar no que participa persoal investigador da USC, así como das universidades de Málaga, Alacante, País Vasco, Cá Foscari de Venezia, Sapienza di Roma, Grenoble, Xenebra, Minho, Borgoña, Coimbra ou Cambridge. A inscrición é de balde e pode formalizarse nos enderezos electrónicos mdolores.dopico [at] usc.es (mdolores[dot]dopico[at]usc[dot]es) ou manuel.villanueva [at] usc.es (manuel[dot]villanueva[at]usc[dot]es)

The contents of this page were updated on 06.17.2024.