Skip to main content

Unha vintena de especialistas debate en Lugo a integración sen violencia no Imperio Romano das poboacións conquistadas

A Domus do Mitreo acolle a sesión do mércores 19
A Domus do Mitreo acolle a sesión do mércores 19
O foro que se desenvolve na Facultade de Humanidades da USC e no Museo Universitario A Domus do Mitreo esténdese ata este mércores 19
Lugo

A ausencia de violencia nos procesos de integración das poboacións que ían sendo conquistadas durante o Imperio Romano é o eixo sobre o que se asenta o coloquio internacional que dende este martes 18 se desenvolve no Campus de Lugo da USC. A xornada inaugural tivo lugar na Facultade de Humanidades, mentres que as sesións do día 19 realizaranse no Museo Universitario A Domus do Mitreo dende as 10.00 horas. Este foro no que se dan cita unha vintena de especialistas pon en común perspectivas diversas sobre a conquista e o influxo que esta adquiriu nas diferentes poboacións.

A sesión inaugural correu a cargo da profesora do Campus de Lugo e directora do Museo Universitario A Domus do Mitreo, Dolores Dopico; o tamén profesor da USC, Manuel Villanueva Acuña; e Juan Santos Yanguas, profesor xubilado da Universidade do País Vasco, todos eles organizadores do coloquio. Tal e como subliñou a profesora Dopico, este foro permite abordar “dende unha perspectiva interdisciplinaria as diferentes formas de integración indíxena en ausencia de violencia”. Deste modo, o coloquio que leva por título ‘Aut recepti beneficio se obligatos putant. Formas non coercitivas de transformación indíxena’ afonda tanto nos cambios que habitualmente se encadran  dentro da “autorromanización” como naqueles que foron inducidos por Roma mediante a concesión de beneficia e outros estímulos que, como indica a frase latina do título, favorecen a colaboración voluntaria dos e das indíxenas.

“O que pretendemos é intercambiar os nosos resultados de investigación con 18 investigadores e investigadoras procedentes de 11 universidades e centros de investigación de España, Francia, Italia e Portugal”, explica a profesora Dopico. Deste xeito e ao longo de dúas xornadas persoal investigador da USC, así como das universidades de Málaga, Alacante, País Vasco, Cá Foscari de Venezia, Sapienza di Roma, Grenoble, Xenebra, Minho, Borgoña, Coimbra ou Cambridge poderá reflexionar en como as poboacións indíxenas interactuaban co poder romano.

 

No acto inaugural participaron Dolores Dopico, Juan Santos Yanguas e Manuel Villanueva Acuña
No acto inaugural participaron Dolores Dopico, Juan Santos Yanguas e Manuel Villanueva Acuña
The contents of this page were updated on 11.12.2024.