Skip to main content

O plan formativo do Campus Terra avanza na súa misión de fortalecer as competencias no eido agroalimentario e forestal

O plan formativo deseñado polo campus de especialización Campus Terra da USC, financiado pola Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, buscan fortalecer as competencias de diversos colectivos da comunidade universitaria do Campus de Lugo. FOTO: Santi Alvite
O plan formativo deseñado polo campus de especialización Campus Terra da USC, financiado pola Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, buscan fortalecer as competencias de diversos colectivos da comunidade universitaria do Campus de Lugo. FOTO: Santi Alvite
A inscrición aínda permanece aberta nas actividades que se van desenvolver ao longo dos meses de setembro e outubro

A oferta formativa do Campus Terra da USC segue en marcha e coa inscrición aberta para as actividades que se estenden ao longo dos meses de setembro e outubro. Así, o día 23 deste mes e o 3 e 4 de outubro, terá lugar un curso sobre utilización das TIC nos procesos de avaliación e control do plaxio na docencia. Coordinado por María José Iniesto e impartido por Pablo Cear Muñoz Carril e Mª Isabel Dans Álvarez de Sotomayor, ten como obxectivo profundar nos conceptos, ideas previas, alternativas posibles e tipos de avaliacións, ademais de repasar as técnicas, instrumentos e ferramentas TIC que axilicen os procesos de avaliación do persoal docente —cuestionarios, enquisas en liña, rúbricas, ou sistemas de co-avaliación, entre outras— para que poidan enfocarse no ensino. Ademais profundarase en aspectos relacionados co plaxio e o uso da ferramenta Turnitin. A formación impártese a través de Teams.  

As posibilidades do cultivo do sabugueiro en Galicia serán obxecto de análise o 30 de setembro, na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC. O programa, coordinado polo profesor Julián García Berrios, ofrece 30 prazas e está dirixido a estudantado, docentes e axentes do sector produtivo. Tamén na EPSE, o seminario 'Incendios forestais. Realidade actual e futura dos grandes incendios en España' pretende ser unha ampliación e complemento específico dos coñecementos estudados dentro da materia Rexeneración e Restauración tras incendio que se imparte no mestrado de Enxeñería de Montes. O relator proposto para a actividade formativa, Jorge de las Heras Ibáñez, é catedrático na área de Produción Vexetal na Universidade de Castela A Mancha. 

O programa aborda as relacións entre o clima, a meteoroloxía e os incendios, índices de perigo meteorolóxico, cambio climático e incendios forestais; evolución do réxime de incendios en sistemas mediterráneos; respostas da vexetación ante o lume; estratexias para a restauración post-incendio; e o cambio de paradigma na extinción de incendios forestais.  Coordinado por María del Pilar González Hernández, a actividade oferta un total de 40 prazas. Finalmente, a terceira edición do seminario ‘Descubre como integrar os teus proxectos cunha plataforma de IOT para impulsar a súa dixitalización’ terá lugar o 17 de outubro e consta de 20 prazas. Ademais, este martes 17 botan a andar as actividades ‘Ferramenta de deseño gráfico para enxeñeiros: AutoCAD Básico’ e ‘Cálculo científico e técnico con Python’. 

O plan formativo deseñado polo campus de especialización Campus Terra da USC, financiado pola Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, buscan fortalecer as competencias de diversos colectivos da comunidade universitaria do Campus de Lugo así como de profesionais do sector produtivo.

The contents of this page were updated on 09.17.2024.