Skip to main content

Aberto ata o 15 de novembro o prazo para concorrer aos Premios da Cátedra do Pan e do Cereal

A Cátedra Institucional do Pan e do Cereal da USC ten como obxectivos xerais a investigación, o fomento da docencia e a difusión dos coñecementos no ámbito do pan e dos cereais. FOTO: Santi Alvite
A Cátedra Institucional do Pan e do Cereal da USC ten como obxectivos xerais a investigación, o fomento da docencia e a difusión dos coñecementos no ámbito do pan e dos cereais. FOTO: Santi Alvite
No certame repartiranse tres galardóns de 1.000, 500 e 250 euros entre Traballos Fin de Grao e Fin de Mestrado que poñan en valor o pan tradicional e os cereais
Lugo

Coa intención de poñer en valor os cereais e o pan tradicional, a USC lanza unha nova convocatoria dos Premios a Traballos Fin de Grao (TFG) e Traballos Fin de Mestrado (TFM) da Cátedra Institucional do Pan e do Cereal da USC. Ata o 15 de novembro será posible presentarse a estes galardóns que chegan xa á súa terceira edición. Pode concorrer ao certame o estudantado que teña defendido durante os cursos académicos 2019-2020, 2020-2021, 2021-2022, 2022-2023 e 2023-2024 un TFG ou TFM en calquera universidade do Estado, sobre os cereais ou produtos derivados.

O certame pretende fomentar liñas de investigación que abrangan dende a produción dos cereais ata a fase final de comercialización dos produtos obtidos, tales como o cultivo e rotación de cereais, procesos de secado, almacenamento, procesos de moenda, de mesturado e envasado de fariñas, usos comerciais dos produtos de rotación de cereais, estudos de vida útil de fariñas, procesado de pan, ou procesado doutros produtos derivados de cereais. Os premios tamén abarcan a comercialización e vida útil do pan e doutros produtos derivados de cereais, novos produtos derivados de cereais con alto valor engadido, pans enriquecidos, estudos nutricionais, alén doutros temas enmarcados dentro dos obxectivos da Cátedra. 

Galardóns e xurado 

Outorgarase tres premios cunha dotación económica de 1.000 euros para o primeiro, 500 para o segundo e 250 para o terceiro, acompañados dos correspondentes diplomas acreditativos. As solicitudes presentaranse a través do rexistro electrónico da USC mediante o procedemento ‘solicitude xenérica’ e dirixiranse á Vicerreitoría de Transformación Dixital e Innovación, seguindo os requirimentos establecidos na convocatoria.

O xurado do premio estará formado polo vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación da USC, Gumersindo Feijoo; o vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga; a catedrática Mª Ángeles Romero Rodríguez, directora da Cátedra; Santiago Pereira Lorenzo, codirector da Cátedra; e unha persoa especialista na temática non pertencente á USC, designada pola dirección da Cátedra.

A Cátedra Institucional do Pan e do Cereal da USC ten como obxectivos xerais a investigación, o fomento da docencia e a difusión dos coñecementos no ámbito do pan e dos cereais. En concreto, profunda na análise xenética na produción de semente, fariña e pan; caracterización físicoquímica e nutricional das fariñas e dos pans; caracterización organoléptica dos pans, mediante catadores adestrados; estudos microscópicos das fariñas e do pan na trazabilidade co apoio de redes neuronais; avaliación da biodiversidade na produción ecolóxica versus convencional de cereais autóctonos; avaliación económica e do contexto agroecolóxico do cultivo de cereais autóctonos para a produción de pan; e estudos de consumidores

The contents of this page were updated on 11.04.2024.