Skip to main content

Xornada científica ‘Os desafíos do turismo sostible’

01.14.2025 | 09.00h

Paraninfo da Universidade

A xornada sobre turismo sostible está organizada co Concello compostelán. Foto: Santi Alvite
A xornada sobre turismo sostible está organizada co Concello compostelán. Foto: Santi Alvite

Vivenda, gobernanza, mobilidade e economía local son os bloques de reflexión nos que se estrutura a xornada científica ‘Os desafíos do turismo sostible’ que se desenvolverá o martes 14 de xaneiro no Paraninfo da Universidade, na Facultade de Xeografía e Historia, un evento organizado co Concello de Santiago ao que pode asistir calquera persoa interesada.

O encontro inaugurarano ás 9.00 horas o catedrático de Xeografía da USC e director do Idega, Rubén C. Lois, e a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín. A continuación, a profesora da USC María José Piñeira moderará o primeiro dos bloques, sobre vivenda, no que participan Carles Donat, da Universidade Autònoma de Barcelona; Isabel González García, da Politécnica de Madrid, e Javier Burón, da Sociedade pública de vivenda de Navarra (Nasuvinsa).

A ese panel seguiralle o de gobernanza, no que intervirán María García Hernández, da Complutense de Madrid; Enrique Navarro Jurado, da Universidade de Málaga, e João Seixas, da Universidade Nova de Lisboa. No bloque sobre mobilidade, que presentará o profesor da USC Miguel Pazos Otón, participarán Carme Miralles, da Autònoma de Barcelona; Juan Carlos García Palomares, da Complutense, e Sofía Mendoza, da Universidade Rey Juan Carlos de Madrid.

Por último, ás 13.45 horas o profesor da USC Melchor Fernández coordinará a mesa sobre economía local na que tomarán parte José Alberto Rio Fernandes e Teresa Sá Marques, da Universidade do Porto, e Asunción Blanco, da Autònoma de Barcelona.
 

The contents of this page were updated on 01.10.2025.