Proxector celebra o Día da Ciencia en Galego cun especial sobre tecnoloxías cuánticas
Un ano máis, Proxector conecta o seu Especial de novembro co Día da Ciencia en Galego, que este ano chega xa á súa décimo sexta edición, coa ciencia e as tecnoloxías cuánticas como eixe temático.
Por iso, en Física cuántica: o enigmático mundo do pequeno selecciónase unha ducia de vídeos que queren destacar a importancia da investigación científica neste ámbito e as grandes potencialidades que avanzan as aplicacións tecnolóxicas desas investigacións. Entre eles hai produtos moi diversos: desde pezas curtas, orientadas á divulgación básica e a un público xuvenil, ata conferencias completas impartidas por especialistas galegos do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) e outras institucións; e no medio, presentacións máis enfocadas nas aplicacións dos descubrimentos cuánticos a produtos concretos.
En resumo, unha compilación que nos permite saber un pouco máis desta disciplina, que vai ter aplicacións prácticas cada vez máis presentes na nosa vida diaria.