Skip to main content

Os dereitos dos pacientes terminais na comunidade Galega, a debate este xoves na Casa do Saber

Cartaz do relatorio de Ascensión Cambrón, organizado pola Asociación IV Ciclo da USC de Lugo
Cartaz do relatorio de Ascensión Cambrón, organizado pola Asociación IV Ciclo da USC de Lugo
A presidenta da asociación polo Dereito a Morrer Dignamente de Galicia, Ascensión Cambrón Infante, ofrece un relatorio este xoves, ás 20.00 horas, na Casa do Saber

A profesora honoraria da UDC e presidenta da Asociación polo Dereito a Morrer Dignamente de Galicia, Ascensión Cambrón Infante, ofrecerá este xoves, a partir das 20.00 horas, no auditorio da Casa do Saber de Lugo un relatorio sobre os dereitos que asisten aos pacientes terminais na comunidade Galega. A sesión, de asistencia libre e de balde para todo o público interesado, está organizada pola Asociación IV Ciclo Universitario da USC do campus de Lugo.

A intervención de Cambrón Infante, quen estará acompañada na súa intervención da médica especialista en Xinecoloxía e Obstetricia Isabel Blanco Domínguez, que tamén forma parte da directiva de Dereito a Morrer Dignamente, afondará na súa intervención sobre os dereitos e garantías que asisten aos doentes terminais en Galicia, segundo se recolle na lei aprobada polo Parlamento Galego o 26 de xuño de 2015.

Cambrón Infante fará especial fincapé na súa intervención no dereito a rexistrar o documento de instrucións previas, na posibilidade de rexeitamento terapéutico, así como doutros dereitos sanitarios xa recoñecidos noutras leis, como os dereitos á intimidade, a unha habitación individual… no marco da sanidade pública galega.

O relatorio servirá asemade para que Cambrón Infante e Blanco Domínguez expliquen algúns dos cometidos que pretende a asociación á que pertencen, un colectivo estatal con federacións en todas as comunidades autónomas de España que traballa, en colaboración con institucións, movementos sociais e persoas, na defensa dos dereitos ao final da vida.

A defensa da despenalización da eutanasia e do suicidio con asistencia médica para persoas con enfermidades avanzadas que o soliciten, ademais de achegar información actualizada sobre a morte digna e os dereitos dos doentes terminais constitúen, entre outros, os principais obxectivos da asociación Dereito a Morrer Dignamente.

The contents of this page were updated on 02.20.2019.