Os dereitos dos pacientes terminais na comunidade Galega, a debate este xoves na Casa do Saber

A profesora honoraria da UDC e presidenta da Asociación polo Dereito a Morrer Dignamente de Galicia, Ascensión Cambrón Infante, ofrecerá este xoves, a partir das 20.00 horas, no auditorio da Casa do Saber de Lugo un relatorio sobre os dereitos que asisten aos pacientes terminais na comunidade Galega. A sesión, de asistencia libre e de balde para todo o público interesado, está organizada pola Asociación IV Ciclo Universitario da USC do campus de Lugo.
A intervención de Cambrón Infante, quen estará acompañada na súa intervención da médica especialista en Xinecoloxía e Obstetricia Isabel Blanco Domínguez, que tamén forma parte da directiva de Dereito a Morrer Dignamente, afondará na súa intervención sobre os dereitos e garantías que asisten aos doentes terminais en Galicia, segundo se recolle na lei aprobada polo Parlamento Galego o 26 de xuño de 2015.
Cambrón Infante fará especial fincapé na súa intervención no dereito a rexistrar o documento de instrucións previas, na posibilidade de rexeitamento terapéutico, así como doutros dereitos sanitarios xa recoñecidos noutras leis, como os dereitos á intimidade, a unha habitación individual… no marco da sanidade pública galega.
O relatorio servirá asemade para que Cambrón Infante e Blanco Domínguez expliquen algúns dos cometidos que pretende a asociación á que pertencen, un colectivo estatal con federacións en todas as comunidades autónomas de España que traballa, en colaboración con institucións, movementos sociais e persoas, na defensa dos dereitos ao final da vida.
A defensa da despenalización da eutanasia e do suicidio con asistencia médica para persoas con enfermidades avanzadas que o soliciten, ademais de achegar información actualizada sobre a morte digna e os dereitos dos doentes terminais constitúen, entre outros, os principais obxectivos da asociación Dereito a Morrer Dignamente.