Skip to main content

A USC amosa a oferta académica e os servizos do campus de Lugo a estudantes de ensino medio nunha xornada de achegamento

Participantes nos 'Encontros no campus de Lugo', no auditorio de Veterinaria
Participantes nos 'Encontros no campus de Lugo', no auditorio de Veterinaria
Uns 400 alumnos de secundaria de cinco centros educativos da provincia visitan a sede universitaria luguesa co programa ‘A Ponte entre o Ensino Medio e a USC’

Uns 400 estudantes de ensino medio procedentes de distintos centros educativos da provincia de Lugo (IES A Pinguela de Monforte de Lemos, IES Nosa Señora dos Ollos Grandes de Lugo, IES Muralla Romana de Lugo, IES de Monterroso e IES Nosa Señora da Asunción de Sarria) visitaron este xoves os distintos centros universitarios da USC radicados no campus lugués a través do programa Encontros no campus de Lugo, unha xornada orientada a dar a coñecer a oferta de estudos e servizos da USC na sede universitaria luguesa a estudantes preuniversitarios, organizada ao abeiro do programa ‘A Ponte entre o Ensino Medio e a USC'.

O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno, e o coordinador do programa ‘A Ponte’ no campus de Lugo, Francisco Javier López, foron os encargados de dar a benvida ao estudantado preuniversitario nun acto desenvolvido no auditorio da Facultade de Veterinaria, onde Bueno e López, fixeron unha presentación xenérica do campus de Lugo da USC, antes de que varios estudantes universitarios ofreceran aos asistentes a súas particulares visións do campus de Lugo e relataran algunhas das experiencias vividas no seu periplo como estudantes da USC.

Bueno destacou na súa intervención as múltiples oportunidades e as vantaxes que ofrece ao estudantado o campus de Lugo, unha sede universitaria cada vez máis internacional e na que este curso formalizaron a súa matrícula 140 alumnos estranxeiros, dixo. O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo apuntou tamén algún dos obxectivos que pretende a USC para a súa sede luguesa a través do proxecto de especialización Campus Terra, ao tempo que destacou o marchamo de calidade que implican os títulos universitarios expedidos pola USC, unha universidade que esixe a todos os graduados e graduadas acadar o certificado B1 de competencias en lingua inglesa para superar con éxito a súa correspondente titulación universitaria. Unha vez rematada esta sesión, os escolares, distribuídos en grupos en función das súas preferencias formativas e acompañados de estudantes e profesores universitarios, completaron itinerarios de visitas ás distintas facultades e escolas do campus de Lugo, ademais de facer un percorrido polas instalacións da Biblioteca Intercentros. O obxectivo desta xornada, segundo explicou Francisco Javier López, é o de dar a coñecer ao alumnado preuniversitario a oferta académica e de servizos que presenta a USC en Lugo, “un campus moderno, pero aínda moi pouco coñecido”, dixo. O coordinador do programa ‘A Ponte’ no campus de Lugo adiantou asemade que a sede universitaria luguesa celebrará outras dúas xornadas de encontros con estudantes de ensino secundario nos vindeiros meses e nas que se prevé a participación doutros 400 estudantes. Bueno e López deron a benvido a estudantes e profesores de ensino medio que participan nos 'Encontros no campus de Lugo?

The contents of this page were updated on 02.11.2016.