Skip to main content

Veterinaria celebra este sábado o acto de graduación de preto de 80 novos titulados da promoción 2011-2016

A Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC celebrará este sábado 18 de xuño, a partir das 11.00 horas, no auditorio do centro, o acto de graduación da promoción 2011-2016. O vicerreitor de Organización Académica e Persoal Docente e Investigador da USC, Luís Lima, será o encargado de presidir esta cerimonia académica, na que están inscritos preto de 80 alumnos e alumnas que completaron o grao en Veterinaria no último lustro.

O decano da Facultade de Veterinaria da USC, Germán Santamarina Pernas; a vicedecana de Organización Académica e Estudantes, Izaskun Ibarguren; a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; a decana do Colexio Oficial de Veterinarios de Lugo, Ana López Pombo; o deputado provincial Álvaro Santos, e a profesora da Facultade de Veterinaria da USC e madriña da segunda promoción de grao, María Luisa Suárez Rey, tamén intervirán como relatores no marco desta cerimonia académica. A madriña da promoción do grao de Veterinaria 2011-2016 abrirá a quenda de intervencións da sesión cunhas verbas dirixidas aos futuros veterinarios e veterinarias, que, de seguido, recibirán a beca de graduación xunto co Xuramento do Médico Veterinario e, por agasallo do Colexio Oficial de Veterinarios da Coruña, a insignia da profesión. Os novos graduados e graduadas tamén serán obsequiados, por xentileza de Royal Canin, co libro ‘Enciclopedia da nutrición clínica felina’ . A intervención dos estudantes, que farán unha semblanza desta nova promoción de veterinarios graduados, e dos membros da mesa, servirá de colofón ao acto, tralo que todos os asistentes compartirán un ágape na entrada do auditorio da Facultade de Veterinaria.

The contents of this page were updated on 06.17.2016.