Skip to main content

Profundan na construción dos ámbitos da educación nun congreso científico en Santiago

Profundan na construción dos ámbitos da educación nun congreso científico en Santiago
Profundan na construción dos ámbitos da educación nun congreso científico en Santiago
O Simposio Internacional de Educación desenvólvese ata o xoves na USC

Toda a educación depende da nosa actividade interna que debe ser determinada cara á finalidade educativa, algo que se fundamenta desde a Pedagoxía, cuxo reto é transformar a información en coñecemento e o coñecemento en educación. Todas as actividades son utilizadas para educar, porque calquera tipo de influencia non é educación, pero si pode ser transformada nunha influencia educativa. Partindo desta premisa, especialistas de universidades e centros de investigación de Iberoamérica participan estes días no Simposio Internacional de Educación ‘Pedagoxía e construción de ámbitos de educación. A función de educar’ que se desenvolve no Salón de Actos da Facultade de Ciencias da Educación (Campus Vida). No encontro, que comezou coa conferencia inaugural ‘A educación é un novo nacemento’ a cargo do coordinador da Rede Internacional de Pedagoxía da Alteridade (RIPAL-REDIPE), Pedro Ortega Ruíz, traballarán sobre cada un dos elementos estruturais da intervención atendendo a postulados pedagóxicos que fan posible entender a relación co outro e a construción de ámbitos de educación. Trátase, en suma, de achegar coñecemento sobre a relación educativa, os axentes e a función de educar. Logo da apertura, que presidiu o reitor Juan Viaño, deron comezo as sesións de relatorios nas que se estrutura o encontro: Educación internacional e interculturalidade; Educación, lingua e cultura; Pedagoxía Mesoaxiolóxica; Pedagoxía da Alteridade; Educación para a paz; Innovación educativa; Inclusión, diversidade e valores; e Educación e pedagoxía: Proxectos, programas, reflexións, experiencias, modelos, metodoloxías.

Este evento científico está organizado pola Rede Internacional de Pedagoxía (REDIPE) e o Grupo de Investigación Terceira Xeración da USC que dirixe José Manuel Touriñán, encargado de clausurar o encontro o xoves ás 10.00 horas cunha conferencia titulada ‘Concepto de educación e construción de ámbitos: a perspectiva da pedagoxía mesoaxiológica’. O evento está patrocinado polo Instituto de Ciencias da Educación (ICE), a Rede Internacional de Pedagoxía Mesoaxiolóxica (RIPEME), a Rede Internacional de Pedagoxía da Alteridade (RIPAL), The International Institute for Hermeneutics, a Sociedade Internacional de Filosofía (SIFA), a Rede de redes académicas UABC-REDIPE , o Centro de Creatividade e Innovacións Educativas, o Centro de Supercomputación de Galicia e a rede de investigación REDICIS.

The contents of this page were updated on 09.15.2015.