Danza contemporánea, oriental, creativa, ioga e bailes latinos integran a oferta do Espazo de Danza da USC no campus de Lugo
O programa de formación do Espazo de Danza da USC para o campus de Lugo para o curso 2019-20 inclúe diversos cursos e actividades de formación en danza contemporánea, danza creativa, danza oriental, ioga dinámico e bailes latinos, unha oferta ampla que permitirá aos membros da comunidade universitaria, así como ao público interesado na danza achegarse a diversos estilos a través da súa participación en cursos impartidos por profesores titulados e que se desenvolverán na Aula de Teatro e Danza da Facultade de Veterinaria do campus de Lugo.
A oferta de actividades de formación planificados no campus de Lugo polo Espazo de Danza da USC mantén aberta a inscrición na web da USC, na que tamén se pode atopar cumprida información respecto dos horarios, taxas, profesorado, lugar de celebración e prazos de matrícula. A maiores desta información xa accesible para todo o público interesado, este servizo integrado na Área de Cultura da USC que dirixe Juan Carlos Zahera, celebrará o vindeiro martes 1 de outubro, a partir das 11.00 horas, unha xornada de portas abertas na Aula de Danza habilitada na Facultade e Veterinaria, na que, en quenda de mañá e tarde, o público interesado poderá facer unha primeira aproximación á danza contemporánea, ioga dinámico e danza creativa.
Os diferentes cursos programados en Lugo polo Espazo de Danza da USC durante o primeiro semestre do curso 2019-20 comezarán a impartirse a mediados de outubro. A matrícula está aberta nas oficinas da Área de Cultura da Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo. O estudantado da USC que formalice a súa inscrición nestes cursos poderán solicitar recoñecemento de créditos ECTS en función da duración da actividade.