Ir o contido principal

Danza contemporánea, oriental, creativa, ioga e bailes latinos integran a oferta do Espazo de Danza da USC no campus de Lugo

Juan Carlos Zahera, no centro, na xornada de benvida ao novo alumnado do campus de Lugo
Juan Carlos Zahera, no centro, na xornada de benvida ao novo alumnado do campus de Lugo
As persoas interesadas poderán coñecer os cursos e actividades do Espazo de Danza na xornada de portas abertas programada o 1 de outubro na Facultade de Veterinaria
Lugo

O programa de formación do Espazo de Danza da USC para o campus de Lugo para o curso 2019-20 inclúe diversos cursos e actividades de formación en danza contemporánea, danza creativa, danza oriental, ioga dinámico e bailes latinos, unha oferta ampla que permitirá aos membros da comunidade universitaria, así como ao público interesado na danza achegarse a diversos estilos a través da súa participación en cursos impartidos por profesores titulados e que se desenvolverán na Aula de Teatro e Danza da Facultade de Veterinaria do campus de Lugo.

A oferta de actividades de formación planificados no campus de Lugo polo Espazo de Danza da USC mantén aberta a inscrición na web da USC, na que tamén se pode atopar cumprida información respecto dos horarios, taxas, profesorado, lugar de celebración e prazos de matrícula. A maiores desta información xa accesible para todo o público interesado, este servizo integrado na Área de Cultura da USC que dirixe Juan Carlos Zahera, celebrará o vindeiro martes 1 de outubro, a partir das 11.00 horas, unha xornada de portas abertas na Aula de Danza habilitada na Facultade e Veterinaria, na que, en quenda de mañá e tarde, o público interesado poderá facer unha primeira aproximación á danza contemporánea, ioga dinámico e danza creativa.

Os diferentes cursos programados en Lugo polo Espazo de Danza da USC durante o primeiro semestre do curso 2019-20 comezarán a impartirse a mediados de outubro. A matrícula está aberta nas oficinas da Área de Cultura da Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo. O estudantado da USC que formalice a súa inscrición nestes cursos poderán solicitar recoñecemento de créditos ECTS en función da duración da actividade.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.12.2019.