Aprendendo entre fogóns

Esta semana comezaron na USC as aulas activas de cociña cun curso no que unha decena de persoas avanzarán ata o mes de maio nos seus coñecementos gastronómicos aprendendo técnicas avanzadas. O programa ‘ Gastronomía pedagóxica. Aulas activas de cociña’ é un proxecto aberto a toda a cidadanía co que se pretende ensinar a cociñar ao tempo que se achega unha cultura de hábitos de consumo saudables e se aumenta o coñecemento do medio e dos produtos. Para este mes de outubro están previstos tamén un curso básico ou de iniciación (44 horas) e outro de cociña vexetariana (6 horas). Completan o programa un de cociña de outono en novembro, outro de Nadal en decembro e un último de cociña para celíacos para o mes de xaneiro. As clases, cun formato lúdico e con prácticas individualizadas, terán lugar no comedor do Colexio de Fonseca. Entre os docentes estarán o profesor do CIFP Compostela (Santiago) Jorge Carou Horta, con experiencia en restauración en Galicia e Londres, e o cociñeiro e profesor do CIFP Carlos Oroza de Pontevedra, Daniel Pulzoni. Para conseguir toda a información sobre o resto dos cursos e formalizar a matrícula, as persoas interesadas deben dirixirse á Área de Cultura da Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Formación Continua, no Colexio de San Xerome, ou chamar aos teléfonos 881811018 e 881811103.