Pasar al contenido principal

A Universidade recoñece coa Insignia de Ouro o “traballo excepcional” de Manuel Puga á fronte do Consello Social

Manuel Puga recibiu a Insignia de Ouro de mans do reitor compostelán
Manuel Puga recibiu a Insignia de Ouro de mans do reitor compostelán
A Universidade recoñece coa Insignia de Ouro o “traballo excepcional” de Manuel Puga á fronte do Consello Social

A Insignia de Ouro que este martes se lle impuxo a Manuel Puga, presidente do Consello Social da USC, “responde a un traballo excepcional realizado dende o absoluto rigor, sempre con cercanía e colaboración plenas”. Así explicaba o reitor en funcións Senén Barro a concesión do maior recoñecemento universitario ao que a comezos de 2006, cando lle propuxeron a presidencia do órgano de goberno universitario, era director de Operacións de Astra Zéneca en España e presidente da Fundación Galicia Empresa Cun sentido agradecemento a todos os que durante estes anos “compartiron traballo comigo, e moi especialmente á miña familia á quen lle roubei moito do meu tempo”, Manuel Puga afirmaba que a Insignia lle daba “aínda máis forza” para seguir traballando pola USC, “porque facer Consello Social é facer Universidade”, dicía. Lembrou Puga o seu “paso escolar” pola USC, unha institución que “cando a volvín atopar hai máis de catro anos non se parecía nada á que coñecera anos atrás”. Precisamente o feito de ter formado parte da Universidade compostelá foi o que lle empuxou no seu día a aceptar a responsabilidade que hoxe ten. “Foi a mellor oportunidade que puiden ter para devolverlle á sociedade o que a USC me tiña dado”, dixo. Pola súa banda, Senén Barro agradeceulle os “excepcionais servizos prestados” na presidencia do Consello Social, un órgano de Goberno “que continuamente se adianta aos cambios que están a xurdir no sistema universitario”. De Manuel Puga e o Consello Social destacou o reitor en funcións o seu “talante construtivo”, a transparencia da súa xestión, o rol de cooperación “continuamente adoptado” e o “desempeño impecable” no apoio ao Campus Vida. Manuel Puga Manuel Puga Pereira, que substituíu no cargo a Manuela López Besteiro, é licenciado en Ciencias Biolóxicas e Farmacia pola USC e doutor en Ciencias pola mesma Universidade. Participou en numerosos cursos de especialización na industria farmacéutica e en técnicas de xestión empresarial, impartidos por ICI Training&Development Group e Zeneca Pharmaceuticals e por outras entidades internacionais de formación. A súa vida académica comezouna no Departamento de Edafoloxía da USC e no Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (Idega). En 1981 incorporouse ao mundo industrial da man de Laboratorio Farmacéuticos ICIFarma, onde foi director de Operacións en O Porriño. Manuel Puga colaborou tamén en diversos proxectos de investigación e ten publicados unha serie de traballos sobre temas relacionados coa súa especialización en revistas nacionais e internacionais. Forma parte da Asociación Española de Farmacéuticos da Industria e foi galardoado co Premio Federico Maciñeira que concede a Deputación Provincial de A Coruña. É ademais membro académico numerario da Academia de Farmacia de Galicia.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 22.07.2022.