O Espazo de Danza da USC volve actuar no campus co seu programa 'Xa que pasas...'

O Espazo de Danza da USC volverá sorprender aos estudantes co seu programa de improvisación ‘Xa que pasas…’. Titulado ‘O falar calado’ e dirixido polo coordinador do Espazo Juan Carlos Zahera, o primeiro espectáculo será este mércores 2 ás 22:00 horas no recibidor da Residencia Universitaria Monte da Condesa.
As próximas citas celebraranse tamén ás 22:00 horas o luns 7 na RU Burgo das Nacións e o mércores 9 no Colexio Maior de Fonseca. ‘Xa que pasas...’ pretende achegar a danza aos universitarios nos propios espazos onde desenvolven o seu quefacer cotiá como son as facultades e escolas. Procúrase así a democratización do baile dentro da escena universitaria.
Espazo de Danza da USC
Dende a súa creación en 1997, o Espazo de Danza da USC avanza no seu desexo de converterse nun laboratorio de experiencias contemporáneas, para o que traballa con todos os integrantes da comunidade universitaria. No caso do Campus de Lugo tamén estende esta vocación a nenos maiores de 5 anos.