Eclipse total de lúa na noite do sábado ao domingo
Na noite deste sábado, día 3, ao domingo 4 producirase unha eclipse de lúa que, segundo informa o director do Observatorio Astronómico ‘Ramón María Aller’ da USC, José Ángel Docobo, non se verá acompañada das condicións meteorolóxicas axeitadas que permitan a súa observación. Coas previsións de hoxe xoves, afirma, “tan só hai unha pequena probabilidade para a zona leste da Comunidade”.
O comezo da eclipse penumbral terá lugar ás 21:16, comezando a ser parcial ás 22:30 e total ás 23:44 do sábado. O medio da eclipse producirase ás 0:21 horas do domingo, finalizando a total ás 00:58 e a penumbral ás 3:25 horas.
Próximas eclipsesDurante o ano 2007 vanse producir catro eclipses, dúas de sol e outras tantas de lúa. A primeira de sol, que será parcial, terá lugar o vindeiro 19 de marzo e observarase no leste de Asia así como en Alaska. A segunda, tamén parcial, poderase seguir dende zonas de Sudamérica, a Antlántida e o Atlántico Sur o 11 de setembro.
En canto aos de lúa, tan só será visible na Península Ibérica a desta fin de semana “loxicamente naquelas zonas libres de nubosidade”, explica Docobo. Esta eclipse de lúa vai ser total, como tamén o será a do 28 de agosto.
Xa en 2008 haberá dúas eclipses de lúa visibles en España, o 21 de febreiro unha total e o 16 de agosto outra parcial. En Galicia, a próxima eclipse de sol visible será o 4 de xaneiro de 2011.