Aberta a matrícula dos cursos de idiomas para o segundo semestre
Alemán, checo, chinés, francés, inglés, portugués, italiano, catalán, español como lingua estranxeira, galego para non galegofalantes e xaponés son os idiomas que oferta o Centro de Linguas Modernas da USC (CLM) nos campus de Santiago e Lugo para este segundo semestre do curso 19/20. Dirixida á comunidade universitaria así como a calquera persoa maior de 16 de anos interesada, a oferta de cursos dispón de distintas alternativas de horario en función do idioma elixido así como distintos emprazamentos.
Ademais desta oferta de cursos regulares, a programación do CLM inclúe tamén cursos específicos de destrezas orais en alemán, cursos preparatorios para os exames do Instituto Ramón Llull, así como cursos de competencias comunicativas e culturais en francés, cursos de iniciación ao italiano ou cursos semi intensivos de inglés. A maiores están previstos seminarios de checo e francés para o contexto universitario.
As persoas interesadas en cursar estudos nunha lingua da que posúan coñecementos previos e non teñan asignado un nivel nese idioma durante o curso anterior no CLM ou na EOI, deberán realizar un test de nivel. A inscrición para esta proba realizarase por Internet a través da secretaría virtual, accesible dende a web do CLM (http://www.usc.gal/clm), antes do 30 de xaneiro. Unha vez realizado este test, a data de matrícula nos cursos rematará o 4 de febreiro e o día 17 do mesmo mes para chinés e xaponés..
A maiores da oferta regular de cursos, o Centro de Linguas Modernas acolle ao longo de todo o ano os exames oficiais de certificación de coñecemento de distintos idiomas.