Quince docentes de secundaria realizarán o curso de especialización en educación emocional da USC

Ata quince docentes, que serán determinados pola Consellaría a través dunha convocatoria pública, seguirán o curso de especialización en Educación Emocional da USC. Así se establece no convenio de colaboración que acaban de asinar o reitor da USC Antonio López e a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar. Por este acordo, a Consellaría achegará á Universidade 25.740 euros para contribuír ao desenvolvemento de proxectos de investigación que impliquen un avance no eido da educación emocional.
O obxectivo é que, despois da formación recibida, o profesorado participante teña adquirido a preparación necesaria para crear unha rede de persoas expertas no eido da educación emocional de xeito que, tras un proceso de formación en cascada, poida expandirse a todo o profesorado interesado nesta temática. Entre os contidos da formación tratarase o marco conceptual da educación emocional; neurociencia e emocións; xestión das emocións; Liderado emocional, plano social e individual; adestramento das competencias emocionais; educación emocional en acción, aplicacións e experiencias; ou deseño e avaliación en educación emocional.
Selección dos docentes
A selección do profesorado participante farase a través da convocatoria publicada xa no Portal Educativo da Xunta de Galicia. O prazo para presentar as solicitudes estenderase ata o 7 de febreiro de 2020. Poderán solicitar a participación nesta actividade formativa o persoal funcionario de carreira dos corpos docentes que impartan as ensinanzas establecidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de Educación, que desempeñe as súas funcións en centros docentes públicos.