Ir o contido principal

Quince docentes de secundaria realizarán o curso de especialización en educación emocional da USC

Antonio López e Carmen Pomar na sinatura do convenio
Antonio López e Carmen Pomar na sinatura do convenio
O obxectivo é que o profesorado participante adquira a preparación necesaria para converterse en auténticas persoas especialistas nesta materia

Ata quince docentes, que serán determinados pola Consellaría a través dunha convocatoria pública, seguirán o curso de especialización en Educación Emocional da USC. Así se establece no convenio de colaboración que acaban de asinar o reitor da USC Antonio López e a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar. Por este acordo, a Consellaría achegará á Universidade 25.740 euros para contribuír ao desenvolvemento de proxectos de investigación que impliquen un avance no eido da educación emocional.

O obxectivo é que, despois da formación recibida, o profesorado participante teña adquirido a preparación necesaria para crear unha rede de persoas expertas no eido da educación emocional de xeito que, tras un proceso de formación en cascada, poida expandirse a todo o profesorado interesado nesta temática. Entre os contidos da formación tratarase o marco conceptual da educación emocional; neurociencia e emocións; xestión das emocións; Liderado emocional, plano social e individual; adestramento das competencias emocionais; educación emocional en acción, aplicacións e experiencias; ou deseño e avaliación en educación emocional.

Selección dos docentes
A selección do profesorado participante farase a través da convocatoria publicada xa no Portal Educativo da Xunta de Galicia. O prazo para presentar as solicitudes estenderase ata o 7 de febreiro de 2020. Poderán  solicitar  a  participación  nesta  actividade  formativa  o  persoal  funcionario  de carreira  dos  corpos docentes  que  impartan as  ensinanzas  establecidas  na  Lei  orgánica 2/2006,  do  3  de  maio,  de  Educación,  que  desempeñe  as  súas  funcións  en  centros docentes públicos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.02.2020.